Arquivos mensuais: Agosto 2011

A eiruga

Eiruga de Papilio machaon. En Rozas, sobre a figueira do lavadoiro. 1 de agosto de 2011

 

A eiruga apareceu o día da festa do patrón, ao pé do lavadoiro.

Causou expectación.

Ninguén tiña visto nunca nada similar, con tantas cores e tan grande, que parecía unha lesma.

Daí nacen as cóbregas“, dixo un e axiña outro retrucou que, en sendo así, o mellor sería botarlle enriba a pedra que alí mesmo parecía.

 

 

 

Mais nada sucedeu, que ninguén quixo prestar o seu brazo para torcer o curso desta vida nunca vista.

Cruzou con rapidez de eiruga o treito que a separaba da figueira, sorteando os pensamentos dos festeiros e, seguindo as raíces deformadas polo tempo, buscou acougo nunha folla, ben perto dun figo verde.

Pasou o día, e a noite. E seguía na mesma posición.

Contra a tarde do segundo día xa non estaba.

Agardámola para o ano, convertida en bolboreta, a fermosa Papilio machaon. E se por acaso non voltar….

JMJ 2011. O valor dun gran de area

Quen non ten escoitado, en conversas espontáneas ou formais, que é mester aportar un gran de area para unha determinada causa ou proxecto? Nesta idea, tan gráfica e tan antiga, asenta a campaña de captación de recursos económicos para financiar os actos da visita do Papa a Madrid, nas denominadas Jornadas Mundiales de la Juventud. “Aporta tu granito de arena para que la Jornada Mundial de la Juventud 2011 sea posible. Nos puedes ayudar desde 10€. Anímate!” pode verse nun dos webs do evento.

Eis a cotización mínima dun gran de area: 10 euros. Como o orzamento se sitúa, o declarado, nos 50 millóns de euros, son precisos cinco millóns de grans de area. A duna de Corrubedo!!

O resto do artigo no Terra e Tempo

As horas na fervenza

embedded by Embedded Video

Eis un reloxo de auga, na Fervenza das Hortas, nas terras de Dombodán.

Aquí, como en calquera outro lugar, o tempo vai e volta, pasa de maneira circular

e para o medir utilízanse reloxos de auga

que non precisan corda para andar.

Os reloxos de auga, na realidade non son de auga, son de follas de abeleira e algunhas de ameneiro.

O reloxo de auga non ten agullas e cada quen ve as horas pasar

segundo mais lle conviñer.

As horas na fervenza non pasan, nin o tempo, nin o río. Non é certo o dito de que todo flúe.

Na realidade, o reloxo de auga indica que nada pasa, que todo volta ao seu, e que como dixo Rosalía así somos

relox que repetimos eternamente o mesmo.

O cu do demo

Na foto, a única e verdadeira imaxe do cu do demo na lareira do inferno

O cu do demo é de madeira de carballo

criada en anos de enchentas

e mirrada cando as secas e os incendios;

vai cravado en casqueiros de robinia,

xénero botánico da familia das Fabaceae,

e amarrado con varas de aluminio

procedentes da antena da TV,

que o vento derrubou, antes de chegar o TDT.

O demo quenta o cu na lareira do inferno

e o fume sobe polo toro furado do carballo

en lixeiras fumarolas brancas

como as que, cando así corresponde,

no Vaticano,

anuncian

habemus papa.