Arquivos mensuais: Agosto 2009

Pecadores

Os cristiáns da Galiza contan desde hai un días cun novo pecado: o de limitación lingüística, pecado de validez só  local mentres o Sr.Vázquez, Don Francisco, grande pecador nesta materia, non o comunique ao Vaticano.  A mentora desta nova falta é Dona Pilar Farjas, Conselleira de Sanidade,  que acaba de o incluír no catálogo de pecados: “Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua” parece ser que dixo como participante na Semana de Teoloxía e Pastoral que organiza cada ano a Fundación Fogar Santa Margarita, na Coruña, onde tamén defendeu o seu compromiso cristián e a súa convicción de que a actuación política debe vivirse desde a fe.

Creo entender que se está a referir á lingua española e á hipotética limitación de usos que sofre na Galiza mais non vou pecar de  mal pensado e aceitarei que tamén inclúe a limitación de usos que o galego sofre e mesmo recoñece, farisaicamente, o Partido Popular.

Consecuente co seu pensamento, debería evitar rodearse de pecadores e falar  co Conselleiro de Educación para lle dicir que  é pecado ignorar que o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo está aínda vixente por máis que lle pese e é polo tanto unha norma que se debe cumprir, con independencia de que o goberno teña intención de o derrogar. Non cumprilo, na norma civil, chámase delito e é sancionábel, mais acepto que lle chame pecado e lle impoña unha penitencia ao Sr. Vázquez, Don Jesús. Tamén lle  podería dicir que dilapidar diñeiro publico en cambios de logos para poñer a galiña da pluma azul antes que o ovo dunhas escolas infantís de calidade  é pecado, por non dicir malversación.

Dona Pilar, que anima os cristiáns, supoño que se poderá estender a todos os cidadáns e cidadás sexan de outras crenzas ou de ningunha, a reflexionar sobre as repercusións morais das accións dos gobernantes debería falar co goberno en pleno, e en especial co seu Presidente,  para lle explicar que é inmoral  contribuír desde o Goberno a dividir a sociedade desenvolvendo políticas apoiadas en mentiras, ou en ideas falsas  en nome da liberdade individual duns poucos (quen non lembra a idea da imposición lingüística?).

“Somos la presencia viva de Jesús en la sociedad”, proclamou Farjas;  “Eu non vin para chamar os xustos, senón os pecadores”  dixo Xesús Cristo nun encontro con publicanos e fariseos. Ao mellor o Goberno  galego inspira a acción de goberno nesta idea para chegar ao ceo, a un ceo sen un sistema público de ben estar social; sen lexislación en materia lingüística no ensino; no que  Galiza non poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; no que non poidamos ser donos da nosa produción agrícola; no que non teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. Ao ceo dun país asimilado, aínda que para iso millares de galegos e galegas permanezamos no purgatorio, agora que   Ratzinger fechou  o limbo dos xustos. Pero temos esperanza e non renunciamos a alcanzar a gloria, a gloria de vernos libres dun goberno teocrático que actúa e lexisla contra a propia razón de ser de Galiza.

 

Sobre decretos e concertos

O actual Goberno da Xunta achou a chave da súa actuación política asumindo non o papel de goberno senón o de tribunal de xustiza, de xeito que planifica a acción de goberno en base á argumentación de legalidade ou non, segundo lle convén en cada momento, dos actos a levar a cabo, especialmente á hora de anular e de desacreditar todas as actuacións do goberno precedente. Está claro que un goberno non pode lexislar de maneira contraria á lei, mais de aí a que xustifique unha acción como legal ou non antes de se pronunciaren os tribunais de xustiza aínda hai un bo percorrido. Así o fixo na anulación do concurso eólico aducindo a “ilegalidade” da participación pública, convertendo a Asesoría Xurídica en verdadeiro tribunal de xustiza. E todo, loxicamente, para agochar unha decisión puramente política que só pretende variar o modelo económico e industrial do anterior goberno, outorgándose a potestade de definir o que é ou non axustado á legalidade simplemente en función de intereses partidarios.

Claro que interpreta o concepto de legalidade ao seu antollo. Así o fixo para derrogar o Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, cando nesta ocasión si que existe sentenza do Tribunal Superior, a 01084/2007, que ratifica a plena adecuación á legalidade do citado Decreto. Nesta ocasión derrógase aínda estando avalado por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza; no caso eólico por presunción de ilegalidade.

Agora invoca de novo a legalidade para pagar con fondos públicos a segregación de alumnado en función de seren homes ou mulleres. E faino con absoluta frivolidade, chegando a utilizar o web oficial da Xunta, un espazo que debería recoller información das actuacións do Goberno e non opinión, para manifestar unha vez máis que “Educación reitera que ningún dos argumentos do bipartito para non renovar os concertos educativos tiña sustento legal”. Novamente a Consellaría convertida en tribunal de xustiza e novamente utilizando os medios públicos, como é o web www.xunta.es para verter informacións que desacreditan a quen as redacta: “Ao contrario do que fai a actual Xunta de Galicia que se limita a cumprir a Lei, queda demostrado que o anuncio do anterior goberno de non renovar estes concertos era puramente demagóxico e electoralista,…”

Vaia maneira de gobernar para todos.

Á vista destas actuacións cabe reflexionar sobre o que supoñen en si os concertos educativos e o que pretende Educación ao renovar o Concerto a 5 centros que non imparten ensino mixto.

Formalmente, os Concertos Educativos son presentados polos seus valedores como un instrumento mediante o cal se facilita que todas as capas sociais poden acceder ao dereito de elección de centro que implicitamente recoñece o artigo 27 da Constitución. Mesmo hai quen os presenta como un instrumento nivelador das oportunidades nas condicións de acceso aos centros, o que, potencialmente, contribuiría a homoxeneizar a composición social do alumnado. Mais á vista da realidade e despois de vinte e cinco anos aportando diñeiro público a empresas privadas, cabe preguntarse:

1.- Contribúe este sistema a igualar a oportunidade de elección de todos os individuos?

2.- Favorecen os concertos a mestura de estudantes de diferente estrato socioeconómico e académico ou pola contra contribúen a elitizar o sistema?

3.- Que factores están detrás da elección de centro educativo e polo tanto da distribución do tipo de alumnado entre centros públicos e privados?

A resposta a estas preguntas é clara e está avalada por diferentes estudos: o sistema de concertos non cumpre coa pretensión de igualar as oportunidades de elección de centro educativo para todas as familias e a distribución de alumnado entre pública e privada segue respondendo a un claro patrón socioeconómico, ou mesmo ideolóxico, que favorece os centros de titularidade privada, onde se concentra de modo maioritario o alumnado procedente de familias con máis nivel de ingresos, profesións máis cualificadas e nivel de estudos máis alto.

Se os concertos non cumpren o papel para o que foron deseñados, non sería máis lóxico suprimilos e concentrar os esforzos económicos no ensino público, máis neste momento de austeridade económica?

Suprímese o programa de gratuidade de libros de texto e subvenciónanse centros ligados á Prelatura do Opus Dei.

Mais temo que talvez o tema non sexa este e o que realmente pretende a Consellaría é ir cara a unha maior privatización do sistema, afianzando, de paso, no mercado educativo galego empresas e ideoloxías que desenvolven claros procesos de cream skimming, ofrecendo un servizo só a clientes de alto valor, neste caso non necesariamente académico senón, sobre todo, ideolóxico. A obra pagada con cartos públicos.

Consulta ás familias: fin de festa

As festas do Apóstolo teñen dous momentos estelares de cara á cidadanía. Un, o 24 pola noite, cos fogos de luces e outro o 31, de novo cos fogos de fin de festa.  Este 31 de xullo de 2009 contou coa actuación estelar do Secretario Xeral de Política Lingüística, novísimo lanzador de fogos de luces no ar de Compostela para dar a coñecer os “resultados” dunha consulta ás familias levada a cabo nos fins de xuño. Fogos de luces que o Secretario Xeral de Política Lingüística lanza no día do fin de festa para nos confirmar o que xa se nos dixera antes do inquérito: que hai que mudar a política lingüística dos derradeiros 25 anos  porque non se axeita á realidade e que é preciso un novo decreto no ensino que  “desenvolva un modelo lingüístico plurilingüe de calidade, que asegure o coñecemento do galego e do castelán”.  

Do galego  e do castelán!!. Será que está en perigo o coñecemento do castelán na Galiza? Eu pensaba que o papel da Secretaría Xeral de Política Lingüística era desenvolver políticas de normalización para o galego, mais resulta que non é así.

Mais os datos presentados non teñen ningún valor por máis que se esforce a Consellaría en querer lexitimalos, pois foron obtidos sen ter en conta as mínimas garantías científicas que requiren os inquéritos sociolingüísticos – e iso debería sabelo ben o Secretario Xeral- e foron tratados de maneira obscurantista, por mais que se nos diga que o proceso contou con garantías e foi transparente.

A transparencia ven dada, mais ben,  por  nos permitir entender a intencionalidade da Consellaría ao levar a cabo esta consulta-trampa, que non tiña outro interese que o afán de impedir que a sociedade galega continuase a posicionarse a prol dun ensino en galego ou maioritariamente en galego, freando deste modo os cativos avances que a lexislación introduciu no sistema educativo nos derradeiros anos. Non é casualidade que o inquérito se presentase pouco despois da masiva manifestación do 17 de maio e os resultados despois do 24. Porque en materia sociolingüística os contextos son non só importantes, senón determinantes. E isto sabeo ben o Secretario Xeral de Política Lingüística.

Para esta viaxe non se precisaban estas alforxas.