Skip to content

Mes: Xuño 2009

Libros de texto e renda familiar

Aínda ecoa nas aulas o polémico inquérito sobre a lingua de uso no ensino e xa a Consellaría de Educación nos sorprende con outra medida: a modificación do programa de gratuidade de libros de texto establecido na anterior lexislatura. Argumentos: “consideramos que a los que hay que ayudar, sobre todo en estos momentos, es a los que menos recursos tienen“, parece que dixo o Conselleiro.

Somos conscientes de que este é un tema que levanta opinións dispares e que hai  persoas que consideran inxusto que familias con recursos se beneficien dun programa de gratuidade de libros de texto. Por outra parte, as medidas postas en marcha en sistemas educativos do noso entorno non son unánimes, como tampouco o son as posicións do PP. Así, por exemplo, en Andalucía, onde os materiais son gratuítos para  931.730 alumnos o próximo curso 2009-2010, mediante un programa de cheque-libro, o PP acaba de propor no parlamento a extensión desta gratuidade para a etapa  0-6 con carácter universal. Tampouco existe unanimidade sobre se a gratuidade se debe desenvolver a través do sistema de empréstito, de cheque-libro ou de outro método. Mais no que si existe certa unanimidade é en considerar que os materiais escolares, nun sistema educativo obrigatorio, deben ser gratuítos para a totalidade do alumnado, e diferentes comunidades autónomas utilizan este principio, quer sendo a Administración a propietaria dos materiais que cede para o seu uso ao alumnado (Navarra ou Galiza, por exemplo) quer mediante o sistema bonolibro que permite ás familias a compra de materiais escolares (Madrid, Murcia ou Cantabria seguen este modelo).

 Non entramos na polémica de cal método é mellor, só diremos que o sistema de cheque-libro é preferido polo mundo editorial e polas librarías. Por último, nalgunhas comunidades quedan excluídas das axudas as rendas máis altas (Asturias, por exemplo non concede axudas ás familias con rendas superiores aos 60.000 €)

Sendo pois moita a casuística, a proposta do PP parece mais  unha medida populista, se non a quixermos chamar demagóxica e revanchista,  do que unha cuestión de xustiza social e, en calquera caso, parece abrir a porta á posibilidade de os cidadáns accedermos a servizos básicos en función do noso poder adquisitivo. Pouca xente cuestiona a igualdade no acceso aos servizos básicos, como a sanidade ou o ensino e vemos como, agora mesmo, e non teño ouvido voces en contra, é igual de custosa, ou de gratuíta, unha operación a quen non ten nada que a quen ten moito; que paga o mesmo por unha caixa de paracetamol quen ten unha pensión de 600 euros que quen a ten de 3000. Aplicámoslle tamén entón o criterio de renda a estes casos?. Que  pensaríamos se agora para acceder a unha prestación do Sistema Público de Saúde se fixese en función da renda?

Sen dúbida é inxusto que quen ten unhas rendas moi altas se beneficie por igual dun programa de gratuidade de libros de texto que quen é un mileurista, mais outro é o problema: vivimos nunha sociedade en que quen máis ten non paga en relación ao que ten. Rico ou pobre paga o mesmo por un litro de gasóleo ou de leite, por unha chamada de teléfono ou por un selo de correos. Se consideramos que o ensino é un servizo público esencial, igual que a sanidade, todos os cidadáns e cidadás deben ter os mesmos dereitos e idénticas posibilidades de acceso. Será noutro lugar onde se deberá decidir que quen máis ten máis pague para contribuír á redistribución da riqueza, mais comezar ese episodio de “xustiza social” co tema dos libros de texto non é máis que unha medida populista  que non ten máis obxectivo que segregar o alumnado en función da renda e favorecer máis a privatización do sistema, pois non esquezamos que os centros privados poden comprar, aínda que sexan as familias quen acabe pagando, materiais didácticos mais “modernos e diversos” que os centros públicos.

Ademais, todos e todas sabemos que as declaracións da renda non reflicten sempre o estado real da economía familiar. E tamén que a función dun goberno debe ser traballar por igualar as rendas dos cidadáns, e non “facer xustiza social” administrando as desigualdades. Porque iso é caridade.

Tractoradas por un medio rural vivo

Durante o mes de maio, e parte do de xuño, púidose visitar na Coruña, na Casa Casares, unha exposición titulada “De hoxe para sempre” centrada nos textos do Manifesto Nacionalista de Lugo de 1918. Un panel, que leva por título “A roxa labarada alumea a campía” fai referencia aos movementos agrarios  de comezos do século XX, sintetizados no anteriormente citado verso de Cabanillas. Cabanillas, igual que Curros ou Rosalía antes e Manuel María despois, interpretaron e tomaron posición sobre os  procesos  de transformación que ao longo dos anos afectaron o agro galego, sabedores de que na Galiza, as loitas labregas foron sempre a vangarda de posteriores conquistas sociais. Hoxe o medio rural está a atravesar momentos de dificultades como seguramente nunca antes pasou. Cun despoboamento crecente, só momentaneamente freado durante  os derradeiros tres anos, grazas ás políticas postas en marcha pola Consellaría do Medio Rural dirixida por Suárez Canal, Galiza enfróntase ás consecuencias derivadas da Política Agraria Común, ademais, claro é, de estar sometida ao proceso de globalización que leva consigo a destrución das nosas estruturas produtivas, non só as agrícolas. Posiblemente todos e todas coincidamos na necesidade de  aumentar a toma de conciencia de toda a sociedade sobre a problemática agrícola,  porque Galiza precisa un medio rural vivo, cunha agricultura economicamente viábel, onde non se cuestione o dereito a producir a prezo xusto e que garanta a seguranza alimentaria de toda a sociedade. Unha agricultura que aporte traballo, riqueza e calidade ambiental e dirixida cara a revitalización do medio rural. Porque temos dereito a producir, porque non somos un país  pobre nin unha sociedade dependente, porque temos recursos, temos que apostar por un medio rural vivo. Para iso son necesarias melloras nas políticas agrarias que permitan aos labregos e ás labregas vivir dignamente;  mais tamén, e non teñen menor importancia, son precisas políticas educativas, culturais e de servizos,  elementos imprescindíbeis para podermos falar dunha sociedade rural moderna que tamén ten dereitos, e que, cando llos negan, está disposta a defendelos. Como o fixo Rosalía, Curros, Cabanillas ou Manuel María e como o debería facer o Goberno Galego pois, non o esquezamos, a sociedade galega ten un grande tributo a pagar a todos os labregos e labregas que nos precederon, por seren eles, en boa medida, os artífices da ordenación do territorio, e porque sabemos que a eles corresponde o maior coñecemento, o uso e a conservación da biodiversidade.

Imitatio Trento, 2009

En 1545 iniciou as súas sesións o Concilio de Trento. Agora vai ser convocado de novo polo Primatus da Galiza mediante a seguinte Bula do Sacrosanto, ecuménico e Xeral Concilio.

Considerando xa desde os principios deste noso Pontificado, que non por mérito algún da nosa parte, senón pola súa gran bondade, nos confiou a providencia de Deus omnipotente, en tan revoltos tempos e en circunstancias tan apertadas de case todos os negocios, se elixiu a nosa solicitude e vixilancia Pastoral, desexabamos por certo aplicar remedio aos males que hai tanto tempo aflixen, e case oprimen, a república cristiá. Mais Nós, posuídos tamén, como homes, da nosa propia debilidade, comprendiamos que eran insuficientes as nosas forzas para soster tan grave peso, e como entendésemos que se necesitaba de paz para libertar e conservar a república de tantos perigos como a ameazaban, especialmente a imposición lingüística, achamos pola contra que todo estaba cheo de odios e disensións e falta de liberdade, e en especial, desgustados aqueles a quen Deus encomendou case todo o goberno das cousas. Porque tendo por necesario que fose un só o rabaño, e un só o pastor da grei popular, por manter a unidade e por confirmar entre os homes a esperanza dos bens celestiais, achábase case conseguido o consenso e a unidade sen cismas, disensións nin herexías. Así pois,

Considerando a grandeza dos asuntos a tratar, en especial dos contidos nos dous capítulos, o un da extirpación das herexías, e o outro da reforma de costumes, por esa causa principalmente se congregou; e comprendendo ademais co Apóstolo, que non ten que pelexar contra a carne e o sangue, senón contra os malignos espíritos en cousas pertencentes á vida eterna que exhalan as divinas linguas;

Considerado que unha serie de profesores e profesoras se mostran discordantes, desconformes e desconfiados coa nosa intención de derrogar o Decreto democraticamente emitido polo anterior goberno;

Considerando que hai pais e nais que, descoidando as obrigas inherentes e debidas á súa condición, reclaman unha educación en lingua galega para as súas crianzas, cousa nunca vista nesta nosa reupública cristiá, causando con isto grave trastorno no reino de Deus;

Considerando que outras entidades sociais e cidadáns están presas dun satánico fervor galeguizador,

Exhortamos primeiramente no nome do mesmo Apóstolo a todos, e a cada un, a que se conforten no Señor, e no poder da súa virtude, tomando en todo o escudo da fe, co que poidan rexeitar todos os tiros do infernal inimigo, cubríndose co morrión da esperanza da salvación na lingua allea, renunciando á propia, filla de alento satánico, e armándose coa espada do espírito,que é a palabra de Deus.

Exhortamos aos Directores e Directoras dos centros educativos lembrándolles que é un acto herético permitir as celebracións informativas, debendo por tanto prohibir estas accións e outros actos impuros so pena de Purgatorio. E para que este piadoso desexo sexa en consecuencia coa graza divina, establecemos e decretamos que se realice este inquérito, escudo contra todas as herexías, e con el só pretendemos atraer os infieis á nosa fe, vencer os herexes, e confirmar os fieis. Por todo isto

Decretamos a prohibición de accións ou actos informativos nos centros escolares que pretendan informar sobre as nosas beatíficas intencións, os documentais na TV que falen das vacas tolas e, xa que estamos, declaramos herexe a Torres Queiruga que, alén de cuestionar as nosa directrices, utiliza estraña lingua nos seus textos.

Nós, Primatus da Galiza, nas Kalendas de Xuño de 2009 convocamos este Concilio

 

Contrariado

Visibelmente contrariado. Así definiron os medios de comunicación a actitude do Conselleiro de Educación na presentación da pseudoconsulta que nos vai custar máis de 200.000 euros para divulgar entre algúns pais e nais galegos unha folla coa que pretenden confirmar o que xa sabemos de antemán.

A min contrariado non me parece suficiente. A min pareceume a actitude dun neno mimoso e mimado que teme que algún outro lle toque o seu xoguete, un xoguete que quere para el só. Unha actitude impropia de ningún responsable político. O señor Conselleiro debería ir xogar á súa casa ou acudir a algunha das xornadas sobre a importancia do xogo na educación infantil e sobre a importancia da seriedade na actividade política.

Eu fixen ouigha co espírito de Castelao

Eis unha curtametraxe realizada no IES Leliadoura durante o curso 2007-08, froito dun Obradoiro Audiovisual organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e impartido pola cooperativa Fungo, de Boiro.

Baseado libremente no relato “Eu fixen ouigha co espírito de Castelao” de Séchu Sende (Made in Galiza).

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=Cxx4FoS5cpI&hl=es&fs=1]

Amnesia Retrógrada.

 

No cinema, na literatura, é frecuente o tratamento da amnesia como elemento definitorio de personaxes e de historias. Tamén nas series televisivas de asunto médico achamos casos de pacientes que despois dun accidente ou dun choque emocional fican ancorados nun momento do pasado, imposibilitados para lembrar nada do que sucedeu con posterioridade a esa data. Esa perda de memoria pode deberse a unha doenza, unha lesión ou a un evento traumático. Nun libro de Beatriz Vera Poseck, Imaxes da loucura: a psicoloxía do cinema, analízase o tratamento cinematográfico de todas estas doenzas a través dun bon número de filmes de todas as épocas. Lembro isto porque tal vez o Partido Popular e o seu Presidente están a interpretar un dos mellores filmes de tema amnésico da historia recente, seguro finalista dos próximos Premios Mestre Mateo, se non se decidir suspendelos despois de se divulgar que o Mestre Mateo falaba galego todo o día, mesmo co Rei Fernando, e tamén os canteiros do Pórtico da Gloria, e os bispos e os curas.

Dentro dos tipos de amnesia encontramos a amnesia disociativa, de carácter exclusivamente psicolóxico, pois o cerebro non sufriu dano físico, mais a mente do individuo “elixe” prescindir dunha parte dos seus recordos por lle resultaren traumáticos ou dolorosos. A amnesia disociativa, isto é a que non se debe a lesión física no cerebro, soe asociarse coas “lagoas de memoria” e pode ser de diferentes tipos, sendo a máis común a localizada, que é aquela que se refire a un momento concreto do tempo.

Tal parece ser a amnesia que afecta ao Partido Popular, que non lembran nada do sucedido neste país desde 2005, o annus horribilis en que o electorado galego decidiu que podía haber outras opcións de goberno diferentes ás dos 16 anos anteriores e o PP entrou na fase amnésica posterior á perda do Goberno, unha amnesia retrógrada na clasificación de Beatriz Vera.

Hai quen sostén que o Partido Popular non contaba gañar as eleccións. Pode ser. Mais cando despois do 1 de marzo o Señor Presidente espertou á realidade do goberno, fíxoo seguindo as pautas dun guión cinematográfico magnificamente urdido, filmando en diferentes escenarios e case sempre cun único actor principal que só cede algunhas escenas a especialistas, encargados de rodar as secuencias con máis efectos especiais: redución das listas de espera, consulta aos pais e nais sobre a lingua vehicular no ensino, etc. Sen esquecer, claro está, a lista de figurantes e de siglas que figuran nos créditos finais.

O guión deste filme ten como liña argumental non ter en conta nada do sucedido en Galiza entre o ano 2005 e o 2009, un tempo inexistente, innomeábel, situando os principais asuntos no pasado, cunha fixación que non se detén en nada: tanto dá modificar a lei da Función Pública para eliminar a posibilidade de realizar un exame en galego, como recuperar a imaxe pasada do Xacobeo aínda que iso supoña unha perda de diñeiro neste tempo de aforro; tanto ten derrogar as normas do hábitat como o Decreto de uso do galego no ensino ou utilizar o portal oficial da Xunta para censurar o labor do anterior goberno. Tanto dá, porque só interesa a recuperación do poder pasado, a execución dunha política retrógrada, por canto vai cara atrás no tempo, trátase de utilizar a retropopulsión como programa de goberno sen importar os custos.

Nos filmes a amnesia pode ser excitante. Xeralmente o ou a protagonista precisa recuperar fragmentos do seu pasado que restitúan a súa identidade. Gobernar baixo as consecuencias da amnesia supón manterse illados no presente e ser incapaz de imaxinar experiencias de futuro, non tendo tampouco a garantía de poder recuperar o pasado.

E mentres este filme segue a súa rodaxe, na Galiza real e actual, aqueles e aquelas que somos quen de lembrar, que facemos?