Skip to content

A eiruga

Eiruga de Papilio machaon. En Rozas, sobre a figueira do lavadoiro. 1 de agosto de 2011

 

A eiruga apareceu o día da festa do patrón, ao pé do lavadoiro.

Causou expectación.

Ninguén tiña visto nunca nada similar, con tantas cores e tan grande, que parecía unha lesma.

Daí nacen as cóbregas“, dixo un e axiña outro retrucou que, en sendo así, o mellor sería botarlle enriba a pedra que alí mesmo parecía.

 

 

 

Mais nada sucedeu, que ninguén quixo prestar o seu brazo para torcer o curso desta vida nunca vista.

Cruzou con rapidez de eiruga o treito que a separaba da figueira, sorteando os pensamentos dos festeiros e, seguindo as raíces deformadas polo tempo, buscou acougo nunha folla, ben perto dun figo verde.

Pasou o día, e a noite. E seguía na mesma posición.

Contra a tarde do segundo día xa non estaba.

Agardámola para o ano, convertida en bolboreta, a fermosa Papilio machaon. E se por acaso non voltar….

Published inOutros

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.