Skip to content

Mes: Febreiro 2011

O pai de Migueliño

O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.

Os “americanos” xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.

De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o “americano”, máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o “americano” pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.

Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! ¡Ai!, o “americano” pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos angurentos dun neno.

Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo tolamente.

E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó retrato; un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo…

Aquel si que era o pai de Migueliño.

Educación dixital: fascinación tecnóxica ou solución pedagóxica?

Vivimos nun tempo que eufemisticamente autoproclamamos era do coñecemento e, sumidos como estamos en contemplar os avanzos que en materia tecnolóxica nos circundan, inmersos nesa mudanza tan necesaria como complexa, que a miúdo produce en nós máis fascinio do que verdadeira solución ás necesidades comunicativas que precisamos, resulta tópico afirmar que un dos retos que ten que abordar a sociedade actual é a implantación da denominada educación dixital e por esa porta entramos de cheo na Escola 2.0, un concepto formativo-educativo que se ubica para alén do ensino regrado e pretende estender os seus efectos a toda a sociedade.

O resto do artigo no Terra e Tempo