Arquivos mensuais: Febreiro 2012

Eran mans, mans de muller

Cincuenta céntimos para tomar algo quente,
por favor.
Era un fío de voz que apenas emerxía do ruído
dos carros.
Era unha rúa de comercios fechados e letreiros
de aluguer barato, franqueada de casas modernistas
e tendas de franquía.
Eran profundísimos sucos de amargura
e fracaso
a gravar un rostro salitrado de medo e desespero.
Eran olladas sepultadas na historia
e no olvido;
labios dos que outrora agromaran palabras amorosas
na lingua agora desprezada;
e eran mans, mans de muller,
séculos modelando a alma desta Terra,
a implorar esmola
e a recibir acedume
e despeito.

Despendemos o instante que non temos

Despendemos o instante  que non temos
na lembranza do que deixamos atrás,
e – dicía Castelao-  metidos
nas tripas dos problemas, non puxamos
por os resolver; saciamos así
o involuntario apetito de engulirmos,
devagar, todas as bafaradas que provoca a ausencia,
todos os desafíos do regreso tan ansiado,
as feridas aínda abertas a punxir
nos corpos proídos polo látego da inxustiza.

Procuramos no fondo dos ollos o salitre
da mágoa,
da bágoa non vertida,
e apreixamos a certeza de cada día se tornar
máis difícil consentir, comprender, entender,
permitir, racionalizar,
tolerar,
SER.

O medo é o idioma que impera en cada canto
e, nesa confusión, asumimos sen problema
voltarmos ver a vida en branco e negro,
mais agora a través do sinal do  TDT.

A impunidade grava sucos de vergoña na conciencia.

Galiza está mal colocada

Hai algún tempo, o Presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, Sr. Fontenla, advertiu de que “para moitas cousas Galiza está estratexicamente mal colocada“.

Debo recoñecer que desde que tal cousa ouvín, foron declaracións á Cadea Ser, non deixei de facer a mesma pregunta: para que ou para quen estará mal colocada Galiza? E sobre todo, que facermos nun País mal colocado?

Un xa ten experiencia en escoitar, e tratar de entender, este tipo de aseveracións de representantes do empresariado e mesmo de responsábeis políticos. Sen irmos máis lonxe, o Sr. Montoro, Ministro de Facenda, falou estes días de “servizos por natureza privatizábeis” establecendo unha diferenciación inmanente entre un servizos e outros que axiña figurará nos dicionarios ao lado das categorías de xénero e número.

Imaxinen os novos dicionarios (seica a RAG está a preparar un novo, en liña):

Ensino: s. m. Privatizábel. Dise do conxunto de materias que se lles ensinan….

Sanidade: s. f. Privatizábel. Conxunto de servizos da Administración destinados a preservar a hixiene e a saúde pública”

Resto do artigo en Terra e Tempo

Se a serpe non for pezoñenta

Se a serpe non for pezoñenta, ninguén repararía nela
e non sería ese ser tan odiado; habería que buscar
algún outro animal, mortífero, por suposto,
como representación do Mal.
Ora, estando a serpe, para que procurarmos outrén?
Ela é a morte silenciosa que o tempo tornou en superstición,
e o medo que provoca esténdese para alén da especie humana
até atinxir mamíferos, aves e anfibios;
xera un pavor moito superior ao que puider provocar
calquera outro depredador, xa for lobo ou león.
Paraliza case calquera animal o asubío que emite
ao sentirse ameazada,
e o certo é que se trata dun simple silvo
perante o que retroceden, acovardados,
animais fortes e valorosos,
mais é un simple asubío.
Tamén nós, que apenas hai uns centos de anos
baixamos das árbores á sabana,
levamos gravado na memoria de pedra ese terror
ao réptil rastexante que non vemos achegarse,
que sen ruído se camufla e soamente percibimos a súa presenza
cando xa é demasiado tarde, nós, humanos que tanto a desprezamos
e nin sequera intuímos o receo temoroso do seu asubiar.

Olla as mazás

Olla as mazás.
Foron ficando esquecidas no regazo do tempo.
Elas, que outrora aos teus labios ofreceron,
pracenteiras, a súa pel, e a súa polpa
consistente, cobizosamente por ti mordida.

Agora xacen aí adormecidas entre a herba
e a xeada destes días.

Mais nada expira, nada desaparece,
porque nada se xera; son as leis da Física:
Todo se altera e toma nova fasquía
até devirmos corpos gastos a nos metamorfosearmos
entre as prímulas, a esperarmos que chegue o asubío
da serpe tentadora.

 

Demoramos meses a tracexar a rota

Demoramos meses a tracexar a rota
da viaxe que por nós puxa cara ao Norte,
apracíbel morada de ilusións aquí fanadas.

Transitamos días de sentimento e mágoa,
de fastío que sen retardo se transforma
en amargura e odio surxindo do profundo.

Evitamos por horas a emoción da vergoña,
e da lembranza, do que outrora fomos,
ou representamos ser, até chegarmos
a nutrir o horror indicíbel de fuxirmos,
sosegadamente, desa odiosa presenza
como se do bafo da peste se tratar.

Todo é desconfianza, nada parece
realizábel nen posíbel, mais estamos aquí,
prestes a decorrer, máis unha vez,
o camiño que vai cara ao Norte.

Reformas educativas do PP ou como fuxirmos do acomodo e a vagancia.

O ministro de Educación, en comparecencia parlamentar o pasado día 31 de xaneiro, anunciou o que serán as próximas liñas de actuación no sistema educativo, xustificadas porque a educación “é un dos principais piares do proxecto de reformas do Partido Popular” e porque chegou o momento de “centrarnos na mellora da calidade” agora que, dise desde o ministerio, xa temos todos os recursos necesarios.

O ministerio propón unha serie de actuacións, despois de navegar nun mar de datos e porcentaxes que, descontextualizados, nada xustifican e acaba por concluír que o problema non é de recursos senón de mentalidade, inmersos como estamos na cultura do acomodo e da vagancia, cousa que encaixa totalmente dentro das campañas de desprestixio do sector público.
Centraríase esa reforma en varios eixos:
1.- O profesorado, coa elaboración dun estatuto docente que contempla unha carreira profesional cun salario ligado a “facer ben o traballo” e sometidos a avaliación externa.
2.- Os centros educativos, que terán autonomía no plano organizativo, curricular e de xestión económica. Por suposto, este incremento de autonomía esixe á súa vez un incremento na súa rendición de contas, polo que se proporá incrementar as competencias dos directivos e promover a profesionalización na xestión dos centros.
3.- As familias, que a través de probas externas estendidas a todo o alumnado, poderán utilizar eses datos para elixir centro. Se ben os resultados destas probas non van afectar aos expedientes académicos dos alumnos si servirán para premiar os que obtiveren mellores resultados e máis se esforzaron. O propósito destas probas é serviren de benchmarking, é dicir, para comparar e difundir boas prácticas.
Mais se iso non é suficiente, xustifícase o cambio na estrutura da educación secundaria que pasaría de 4+2 a 3+3 como unha medida para “reducir a taxa de abandono escolar”. A xustificación que o Ministerio dá para abordar esta reforma produciría risa se non for porque supón, na práctica, reducir un ano a escolarización obrigatoria e ofertar man de obra barata, pois esta reforma, sobre todo no que respecta á FP, converte estes estudos nunha “alternativa atractiva para quen desexar acceder ao mundo laboral o máis axiña posíbel (‘mas tempranamente’, di o orixinal), promovendo ao mesmo tempo o espírito emprendedor e o autoemprego”.
A comparecencia do Sr. Ministro non ofrece moitos datos para saber como se vai facer a reforma (xa hai uns días dixo: “Non vou entrar en tecnicismos nin na forma de o resolver” ) máis si establece as liñas ideolóxicas básicas dun sistema que terá os seus piares, entre outros, nos seguintes tres elementos:
1.- Na autoformación do profesorado, cuxa carreira docente, e salario, irá ligada á produtividade desde o mesmo momento do ingreso no sistema mediante un mecanismo (avaliación externa) que “relacione o progreso dos seleccionados cos resultados que obteña”
2.- Na segregación do alumnado: “os alumnos que presenten necesidades educativas específicas serán atendidos especificamente, pero á vez tamén abriremos vías e oportunidades aos que destacan polas súas capacidades ou o seu traballo”
3.- No establecemento de diferentes tipoloxías de centro segundo os seu recursos, ubicación e procedencia social do alumnado en base a “crear centros de especialización curricular” pois do que se trata é de “dar máis marxe de acción aos centros para que teñan capacidade de adaptarse ás necesidades dos seus alumnos”.

E todo isto tendo como pano de fondo a privatización do sistema, a non aportación de recursos xa que segundo o Ministro agora o Estado español está por enriba “da media en dotación que os países máis industrializados do mundo: España é o 8º país con máis gasto por alumno na escola pública da OCDE, 9.833$ fronte aos 8.146$ da UE-21 e os 8.027$ da OCDE. España gasta en cada alumno da escola pública case 2.000$ máis que a media dos países da OCDE”
Con estes argumentos non é de estrañar que o ministerio desvíe a atención cara ao problema do adoutrinamento na materia de Cidadanía, mais na realidade voltamos ás vellas ideas que o PP xa propuxo hai anos avaladas agora coa experimentación que se fai nalgunhas comunidades, Madrid por exemplo, onde os indicadores de calidade á que acode o Ministerio non son precisamente os máis elevados (como tampouco é xustificar a reforma de secundaria para nos aproximar aos modelos francés e alemán, pois estes sistemas non se encontran entre os máis valorados de PISA).

Así que por máis que se diga que:“A reforma que pretendemos vai encamiñada a unha mellora substancial da calidade, mantendo e reforzando a equidade básica, que é a igualdade de oportunidades” non é fácil encontrar estas motivacións na comparecencia ministerial.

E non sabemos que pensa de todo isto o goberno galego. Xa veremos.

Aquezo coas miñas propias mans as mans do vento

Aquezo coas miñas propias mans as mans do vento,
e mentres el, en sopro inoportuno, asalta
con rudes aloumiños a túa face,
ou, aínda máis ousado, se agocha e bule como un neno
entre o teu cabelo,
sentirás  a quentura dos meus dedos a debuxar
con nitidez a orla dos teus labios,
baliza da memoria e da amnesia,
matriz onde se xestan as palabras
que me alentan a apreixar, entre as miñas,
as túas mans arrefecidas e seres ti o  vento
que, silente, retorna das Cantigas.