Skip to content

Mes: Marzo 2009

Empecer….. empezamos

“Empregar como lema “empezamos” envía ao receptor a mensaxe de que quen así se presenta aparece ante nós por primeira vez, que non ten traxectoria anterior. Ao tempo vén a dicir que aínda nada foi feito, que todo está pendente e que ten a capacidade de realizalo. Mais hai outro aspecto importante, a ambigüidade idiomática, de maneira que quen o emite non precisa tomar posición, será o receptor quen decida se recibe a mensaxe en galego ou en español”. Así se manifestaba Marta Dacosta nun artigo recente comentando o lema da campaña electoral do Partido Popular. E é posíbel que unha boa parte do electorado interpretase ese “empezamos” co significado de comezar. Na miña opinión, e conservando a  ambigüidade idiomática a que se refería Marta, debemos situar a interpretación do “empezamos” mais no campo de impedir, obstaculizar, atrancar. Prexudicar alguén ou algo; impedir a realización dunha cousa ou proxecto, porque este é o significado do verbo empecer, do que empezamos é presente do subxuntivo. Segundo as gramáticas no Modo Subxuntivo, o emisor presenta un estado de cousas estimado por el como descoñecido, non real ou non certo (que non é o mesmo que posíbel ou dubidoso) independentemente da súa realidade obxectiva. É o modo da non realidade.

E aquí, na non realidade foi onde se situou toda a campaña do PP. Por que onde, se non for na non realidade, está a presunta imposición lingüística do galego sobre o español? Onde, se non for na non realidade e no descoñecemento do proceso educativo, está o adoutrinamento dos nenos e nenas menores de tres anos?.

Foi así que o PP dixo: empezamos. Empezamos que se poida consolidar un sistema público de ben estar social; empezamos que se poida desenvolver a lexislación en materia lingüística no ensino; empezamos que Galiza poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; empezamos que poidamos ser donos da nosa produción agrícola; empezamos, obstaculicemos, atranquemos, prexudiquemos, impidamos a realización de calquera proxecto que poida supor que os galegos e galegas teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. E se iso o facemos en nome da liberdade o noso empezo (que por certo, é sinónimo de empezoñamento )terá máis éxito.


Desde o Mar

Lin en Acuática, a magnífica bitácula de Marta da Costa, un belo poema inédito acompañado dunha imaxe, non menos bela, do cabo Silleiro, onde só se observa a Natureza que agocha, case absorbe, as liñas avermelladas do faro que desde 1866 alumea e orienta os mariñeiros e os barcos que van e veñen. Fermosa liña litoral que até agora salvou da especulación e o cemento.

Non sabemos por canto tempo, se despois de maio a liña litoral será novamente obxecto de desexo dunha economía centrada no cemento. O Partido Popular ameaza con reformar a Lei. Mais polo de agora podemos velo aínda así, como nos mostra a TV do Valmiñor.

[youtube=http://www.youtube.com/watch?v=5EMwYVVVATs].

Agardamos que só a letra de poemas como o de Marta se sobrepoña sobre o mar e sobre a costa.

Amor profundo

As promesas do PPdG durante a campaña electoral e as actuacións levadas a cabo durante a precampaña fan que, novamente, o tema da lingua se sitúe en primeira liña de fogo, nunha batalla sen fin e nun momento en que todos os indicadores de uso e todas as comprobacións sobre o cumprimento da lexislación en materia lingüística coinciden en salientar a marxinalidade que o galego ocupa no sistema educativo. Por iso non resulta estraña a persistencia que o candidato a Presidente da Xunta de Galiza mostra ao anunciar que a primeira medida a tomar polo seu Goberno será a derrogación do Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino, só para contentar unha mínima parte da poboación que vive instalada na fábula dunha hipotética imposición lingüística e do perigo en que estaría o español, recollendo así os presupostos dun grupúsculo que se fai ver por contar cunha Voz moi poderosa. Mais todos e todas sabemos que, mesmo aquel alumnado que recibe maioritariamente a docencia en galego, unha minoría insignificante, remata os estudos con máis competencia en español do que en galego e que a escola continúa a ser o espazo de desgaleguización que sempre foi, tal e como o proban as estatísticas que constatan como é maior o número de alumnado que entra no sistema falando en galego que o que sae falando na nosa lingua.

Resulta preocupante que o futuro Presidente de Galiza pretenda borrar un dos sinais de identidade máis visíbel que temos e un dos elementos de unión do galeguismo desde o século XIX. O noso idioma, sinal fundamental de identidade, é usado cada vez menos. Isto resulta indiscutíbel. Daí que só desde posicións que perseguen a súa desaparición se poda entender que a única lexislación existente que vela pola súa normalización se abandone á lei do máis forte, á lei da libre competencia, sobre todo se temos en conta que esta lexislación non aspira a que a nosa lingua pase do 50% das materias.
O Parlamento galego aprobou por unanimidade, tendo como agora o PP maioría absoluta, co voto favorábel de Núñez Feijoo como parlamentario e vicepresidente da Xunta nese momento, o Plano de Normalización Lingüística que recolle nas medidas 2.1.26 á 2.1.30 que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego” Por iso, só desde unha perspectiva de pouco respecto pola nosa lingua e claramente antigalega, por máis que o señor Feijoo manifeste que “ama profundamente” o galego se pode ver como un demérito a presenza da nosa lingua no sistema educativo, a non ser que se pretenda a súa desaparición. Parece obvio que á lingua galega, á cultura galega en xeral, non lle convén un amante como o Sr. Núñez Feijoo