As linguas, que perigo!!!

En Madrid, Aznar falaba catalán na intimidade, consigo mesmo, circunstancia que lle produciu tanta ansiedade que acabou falando español con sotaque mexicano mentres poñía os pés sobre a mesa.
Onte, en Madrid,  no partido Madrid-Barça, a megafonía do Santiago Bernabeu emitiu, tamén en catalán, a benvida da UEFA, agora entre fortes asubíos.
Seica a Delegación do Goberno tiña desaconsellado a utilización desta lingua “por motivos de seguridade”.
Supoño que eses motivos de seguridade se referirían ao temor a que rebentase a megafonía, ou se producise un curtocircuíto, ou se derrubasen as gradas.
Non quero nin imaxinar que os mandos policiais e a Delegación do Goberno pensasen que introducir unha lingua como o catalán no santuario da españolidade puidese carretar problemas de seguridade física para as persoas.
O Barça manifesta que o catalán é o seu idioma oficial.
Na Galiza, cantos clubs teñen, nos seus estadios, o servizo de megafonía en galego?

Será tamén por motivos de seguridade esta ausencia do galego no ámbito futbolístico profesional da Galiza?

Lermos, un dereito inalinábel

Hai xa uns días que comezaron os actos públicos relacionados coas celebracións do libro e a lectura, que culminarán o 23 de abril, Día internacional do libro, cando as rúas se enchan de librarías promocionando os libros como un obxecto que ese día podemos comprar máis barato; tamén nos centros escolares haberá actividades ad hoc e as diferentes administracións farán a súa campaña, nesta ocasión cos ollos, e o corazón, postos nas eleccións do 22 de maio. Trátase, en definitiva, de mostrar á sociedade en xeral e ao público lector en particular, os libros como un elemento importante, case imprescindíbel, nas nosas vidas e no proceso formativo, tanto que mesmo os indicadores de rendemento escolar teñen un dos piares de análise na capacidade lectora do alumnado, sen obviar que hoxe en día o subsistema educativo non é o medio de formación exclusivo que o sistema proporciona e de que existen outro tipo de intervencións que o complementan, tendo presente, ademais que nun contexto social en que o que se fomenta e o que esixe o mercado laboral é a formación para toda a vida, responsabilidade que o capitalismo trasladou ao propio individuo, é necesario pór en marcha medidas que permitan o acceso á cultura sen restricións, mais alá das declaracións de intencións, nun proceso sen exclusións por razóns de lingua ou orixe.

O resto do artigo no Terra e tempo