Arquivos mensuais: Xaneiro 2015

17 persoas mortas? Non, 20 persoas mortas

DSC_0244Se hai algo que aborrezo sobre todo é a hipocrisía. E cando esta se camufla co argumento de defensa das liberdades, máis grande aínda é o meu estupor. Renego de demócratas que encabezan manifestacións da man de líderes nazis; de gobernantes de “profundas conviccións relixiosas” que, din, aman sobre todo o valor da vida humana mais desprezan os dereitos das persoas e lévanas, día a día á destrución, á submisión.
Nos días pasados, en París, morreron 20 persoas, cada unha co seu particular ADN. Mais toda a prensa (libre?) di hoxe que os violentos acontecementos derivados do asalto ás oficinas de Charlie Hebdo en París deixaron 17 persoas mortas.

Tres, polo visto, deixaron de ser persoas. E a prensa, esa que se autoproclama defensora das liberdades, repite sen cesar: 17 persoas mortas. De norte a Sur e de Leste a Oeste. E en diferentes linguas.

Desgrazadamente a morte só nos conmociona socialmente se é masiva e televisada. Parece que a vida das persoas vale máis se morren en grupo e, sobre todo, que non vale toda igual. Lonxe quedan os tempos en que os poetas facían sonetos cantado o poder igualatorio da morte:

Terrible en fin é teu poder, ó Morte,
pois diante de ti Reis, e señores
son néboa, sombra, poo, son vento e fume.

A violencia de xénero provoca máis mortes que a matanza de París, mais son mortes domésticas, silenciosas, como pingas de sangue que caen dunha grande ferida social. E a ningún agresor se lle retirou, creo, a etiqueta de persoa. Comezo a pensar que a linguaxe e a falta de respecto que polo humano chegan desde certos modelos televisivos, transmisores, claro é, de determinadas ideoloxías, está a se tornar dona da linguaxe informativa.
Triste é o cantar que cantamos … e, a fin de contas, Paris vaut bien une messe

Urraca, emperatriz de toda a Galiza

urracaTal día como o de hoxe, 3 de xaneiro do ano 1115, 900 anos van xa alá, a raiña Dona Urraca, totius Gallecie imperatrix como ela gostaba de asinar, estando en Palencia por cuestións de goberno do reino, doa á igrexa de Compostela o Mosteiro de Camanzo, a igrexa de Merza e a metade da terra de Montes. Este entendemento con Xelmírez, aliado necesario unhas veces e inimigo desprezativo outras, puxo esta muller, e con ela Galiza, no centro da historia europea da primeira metade do século XII. Unha Galiza que tomaba decisións e que estaba ben relacionada no contexto europeu do momento.
Mais a figura de Dona Urraca non foi ben tratada nin pola historia nin pola literatura. Descrita como muller ambiciosa e sen moral,as múltiples loitas entre Urraca e os seus familiares (esposo, irmá, fillo), cos nobres, co clero, foron o contexto idóneo para conformar a visión tan negativa que recibimos desta muller, raíña de Galiza, a través dunhas fontes históricas moi parciais.
O maltrato procedente do rei cóntanolo ela mesma: “Vinme forzada a seguir a disposición e arbitrio dos grandes, casándome co cruento, fantástico e tirano rei de Aragón. O cal, non só me deshonraba con torpes palabras senón que moitas veces o meu rostro foi manchado polas súas suxas mans e golpeado polo seu pé”
O sufrido na revolta burguesa de Compostela cando, segundo se conta, sitiados na catedral Xelmírez foxe disfarzado de mendigo e a raíña se enfronta, a peito descuberto, cos seus agresores, cóntanolo Jerónimo de Zurita:

“Cóllena e arroxándoa ao chan nunha lameira, lanzándose sobre eles como lobos, fan farrapos os seus vestidos, até tal punto que, cos peitos para abaixo, quedou no chan co corpo desvergoñadamente espido e á vista de todos. Chegou o bispo onde xacía a raíña na lama, pisada polas turbas dos agresores e véndoa tan feamente espida e prostrada, transido de dor, pasou e seguiu camiño”

Vaia unha lembranza para ela. Igual un día a TVG fai unha serie sobre o papel desta muller na historia da Galiza. Como fixo a española, a TVE, coa súa raiña Isabel.