Arquivos mensuais: Xaneiro 2012

Bonjour Tristesse

Rostos expectantes esculcan o mar
na prucura da miraxe que derrúa todas as desgrazas;
lembranzas apresadas a xurdiren da mesma area
en que agora xaces, inerte rastro de salgada face
que avivece a memoria daquel tempo e desta praia,
cando sobre ela, nunha soa ollada,
confluímos;
ollar de ollares  roto por parabólicas bocas
que expelen o infortunio, en morbosa pugna
de audiencia construída de lamuria interminábel.

Non, non me atrae a oleaxe deste mar bravío
nen das sereas o seu cantar,
mais espreitarei as augas que baten impiedosas
contra as rochas, salferindo de uivantes urros
os transeuntes nun eterno Bonjour Tristesse
a surfear sobre as ondas,
até acalmar o recordo de ti.

Murguía non viviu cen anos

Cando chegue o próximo día 1 de febreiro (segundo uns) ou o día 2 (segundo outros, e máis real) serán 89 os anos que Murguía leve morto, un menos dos 90 que durou a súa vida desde que un 17 de maio de 1833 comezou a respirar o ar do Froxel (Oseiro-Arteixo) e o 2 de febreiro de 1923 deixou de tomar alento na Coruña.

Unha simples resta dá noventa anos de vida ao servizo da Galiza.
Ora ben, na pasada sexta feira, 20 de xaneiro, percorrendo os xardíns de Méndez Núñez na Coruña cun grupo de alumnos e alumnas de Pádova, de Comenius no centro onde traballo, e a súa profesora ,esta, ao chegarmos ao busto de Murguía, ficou sorprendidada da súa lonxevidade:
– Viviu cen anos?, preguntou.
Ao que respondín que non, que a súa vida transcorrera entre 1833 (o mesmo ano en que Javier de Burgos estableceu a división territorial por provincias, baseándose nas formulacións do Novo Réxime pero tomando como base a antiga división en reinos da monarquía borbónica ) e 1923 (ano en que Primo de Rivera emite un manifesto en Barcelona, recibindo a aprobación do rei Afonso XIII, para emprender unha ditadura).
Eran pois 90 anos, aínda non,  durante os cales Murguía asistiu a acontecementos fulcrais no noso devir como pobo que empezaba a deixar a amnesia para lembrar, pouco a pouco,  quen era e para onde quería ir.

Mais, perante a insistencia desta profesora, que coñecía e valoraba a nosa literatura medieval, e sentía interese por Rosalía,  comprobei como, efectivamente, unha inscrición, en letras douradas, que aparece sob o seu busto, lle atribúe 10 anos máis de vida.
Un pouco dubitante, pois non parecía lóxico tal erro nas datas vitais dunha das personalidades máis recoñecidas da Galiza e tendo en conta que seguramente moitos estudosos da nosa historia en xeral, e da vida de Murguía en particular, terían visitado este busto, procurei máis información no web do Concello da Coruña, na entrada Xardíns de Méndez Núñez e alí puden encontrar a seguinte descrición sobre o monumento:
“Monumento a Manuel Murguía.
Autor: Fernando Cortés Bugía.
Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.
Características: busto en bronce con pátina dourada sobre unha base de granito negro pulido, situado sobre unha peana a modo de pirámide de cúspide truncada, realizada en granito rosa pulido. Sobre unha das paredes aparecen as letras en bronce: “Murguía 1833-1933”.

Todo tal cal eu o vira.

Comprobo que se fai unha correcta transcrición do que aparece na peana do busto de Murguía, mais non se fai referencia ao erro biográfico. Ninguén se percatou. E tampouco se advertiu de que a data de 1933 é real mais fai referencia á inauguración do monumento e tal como está colocada leva a confusión.
Non sei cantos anos leva o busto de Murguía nos Xard  en todo o caso, erros como o que estamos a comentar denotan o pouco valor que lle damos ás nosas figuras históricas e, xa de paso, a nós mesmos, pois isto tamén é memoria histórica e a corrección de tal erro é, polo menos, tan urxente como a restauración dun topónimo deturpado.

Os espazos públicos como os citados xardíns son lugares de aprendizado; por iso,  cando ao partirmos vin ao pé dunha árbore unha fermosa etiqueta describindo a especie, fiquei coa dúbida.

E el sería realmente un metrosidero aquela árbore con cabeleiras de bruxa colgadas a dous metros de altura?

Meu capitán,

Meu capitán,
a tarde despéñase no barranco do solpor.
Abandonamos a tarde, meu capitán,
ou zozobramos nela?

Chegan cantos do mar, algarabía
de alcatraces, destemidos intérpretes
da danza do naufraxio absoluto.
Retornan os brados ululantes da terra,
memoria do raposo, golpe mortal
que nos atrapa no pasadoiro do tempo.

Cando raie a mañá, meu capitán,
e abismemos desde o furado da pedra,
aínda estará o leme na popa
do crepúsculo?

Soños distantes

Soñamos sen fin soños alleos
habitados coa certeza non rememorada
do vivido enteiramente;
no son dos sinos que baten insistentes
esperando o día, reside o noso desconforto;
nos vidros da xanela, quebrados
polo estrondo da dúbida de non sabermos;
e no tren, esa frecha que nos fere de futuro,
defendido só polos ollares dos amantes.

Existimos nos soños distantes
extintos nas propias realidades.

A ideoloxía da austeridade

Nestes días está tendo unha grande divulgación, sobre todo a través das redes sociais, un documental titulado A doutrina do choque. O auxe do capitalismo do desastre, baseado nun libro de Naomi Klein. Pode verse subtitulado en lingua galega, norma gráfica portuguesa, contrariamente ao que dá a entender o Facebook e demais redes sociais, cuxas ligazóns remiten sempre para La doctrina del shock, con subtítulos en español. Quizá esta sexa tamén unha mostra de como a teoría desenvolvida no documental funciona nos procesos de asimilación lingüística e cultural de sociedades como a nosa.

 

No documental citado explícase a analízase que é, e como se aplica, a doutrina do choque, esa filosofía política e económica que sustenta que a mellor maneira, a mellor oportunidade para impor as ideas radicais do libre mercado é no período que segue ao dun grande choque, considerando que tal choque pode ser unha catástrofe económica, un desastre natural, un ataque terrorista,  unha guerra. Mais, a idea é que esas crises, eses desastres, eses choques abrandan sociedades enteiras, desprazan e desorientan as persoas, abrindo así unha “xanela” a partir da que se pode introducir o que os economistas chaman “terapia do choque económico”. E todo como se se tratar dunha especie de extrema cirurxía de países enteiros, todo dunha vez. Non se trata dunha reforma aquí, outra por alí, mais si unha mudanza de carácter radical.

O resto do artigo en Terra e Tempo

Amañece

Amañece.
O sol, aínda pálido, espreguiza a derradeira néboa,
aroma de noite finxida no desamparo impostor.
E o orballo que cada día cae sobre a consciencia até a arrefriar.
As pisadas da noite, amortecidas polo piar dos paxaros,
ecoan sobre as lousas da cidade
transportando a memoria de conversas nunca ditas,
xamais escoitadas.
Unha rúa escura.
Un beco sen saída.
Un berro que tronza o alborexar do día.
Un queixume que despide a vida.
Un corpo adormecido na rúa sobre o frío fío
do coitelo que esta noite abandonou o sosego da cociña
para absorber o perfume alcoholizante do desespero.
Dous mozos que foxen inconscientes
e un que morre
aterecido.
Portas que se fechan por non quereren saber
e xanelas que se abren para deixaren pasar o ar
traizoeiro da vinganza.
E finalmente o informe policial.
Un mozo morto en circunstancias sen explicar.

Dúbida

Sei que transitamos a viaxe do regreso
inexistente.

Sei, infelizmente, que nunca cos meus ollos
voltarei a contemplarte,
cando só a ausencia me fale de ti,
e se apague a memoria que gardo do teu corpo.

Sei, para meu pesar, que non hai vida após a morte,
que non existe calquera outro lugar
nen vagantes erramos polo Universo.

Sei tanto …
Por que, daquela,  continúo a preguntar?
Eis a miña dúbida , quizá contigo partillada.

Que cultura nos agarda?

Coñezo, neste cinco de xaneiro, dúas novas ben diferentes: a morte de Isaac Díaz Pardo e a remodelación do Goberno Galego que leva á máis alta responsabilidade na dirección da política cultural de Galiza a Anxo Lorenzo, até agora Secretario Xeral de Política Lingüística.
Sabemos que a  política lingüística neste País, baixo a dirección do Conselleiro Sr. Vázquez, se desenvolveu con directrices claramente contrarias ao que sería necesario, non digo xa para avanzar, mais para non seguirmos retrocedendo no que a usos e presenza pública do galego se refire. Cun Plan Xeral aprobado no Parlamento por unanimidade en 2004, que o PP se empeñou en non considerar, cunha política de persecución do galego, que vai mesmo máis alá da estrita política lingüística, resulta que se pon en mans de quen se significou por derrubar o traballo realizado por todas e por todos durante os derradeiros trinta anos, nada menos que a política cultural de toda unha Nación.
Resulta que, cando se botan en falta políticas lingüísticas que aposten decididamente pola promoción social do galego e pola elevación dos seus niveis de uso, e nisto fallan estrepitosamente os planos da Secretaría Xeral, incapaz de contrarrestar a presión de algunhas entidades e persoas cunha forte capacidade de incidencia no actual goberno, o Sr. Presidente da Xunta nomea para un cargo de tanta responsabilidade a unha das persoas máis cuestionadas do seu Goberno.
Mais, se en cuestións de planificación lingüística o Sr. Lorenzo aínda tiña certo prestixio no ámbito universitario, e tamén noutros sectores da sociedade que consideraban, e consideran, que a normalización lingüística é unha cousa de técnicos, e neste sentido mesmo confiaban na responsabilidade da Secretaría Xeral, a súa promoción a Cultura, para asumir, de feito, responsabilidades de conselleiro, é unha clara mostra da intención deste goberno de aniquilar, ao prezo que sexa, toda referencia a Galiza como entidade que ten lingua e cultura de seu.
Descanse en paz Isaac, de nome bíblico. E nós, na súa honra, asumamos o seu compromiso coa nosa cultura e non esquezamos incluír,nas preces que lle fagamos, un libéranos destes Abrahans que non dubidan en sacrificar os seus fillos porque un deus supremo llelo ordena.

 

Tres tempos

 Foi
Na infancia, miña avoa, perante unha situación
incomprendida, tiña por costume aseverar
para a ela se referir
Neno, ti aínda á curuxa o cu lle tes por ver.
María, muller analfabeta de letras,
douta nas reviravoltas da vida,
que sen ser avoa tamén era, con catro palabras
Tempo andando, cousas vendo
resumía todo o acontecer do Universo.
Así medrei, entre o desexo de aprender
para chegar algún día a ver á curuxa o cu
e a tanxibilidade cotián que converxía
no que aínda non sucedera; na  conxectura
especulada dun instante do meu tempo concreto.

É
Os días van pasando os uns após os outros
e en nós fican prendidos tal se formos unha baloira,
a baloira dos días.
Prodigamos queixas, reproches, consellos,
descualificacións, correccións, avisos e amoestacións,
mais parcos somos para facermos comentarios positivos.
Aforramos recoñecer nos outros, nas outras,
acertos e cualidades, tememos manifestar
sen presións a admiración e o afecto,
dicir o que gusta ou emociona.
E niso non sei se pesa máis o proverbio de María
ou a sentenza de miña avoa.

Será
Será verdade que o futuro é ese tempo que, para o ben  medirmos,
só habemos de contar as ducias de bágoas que nos faltan por chorar?
E se iso for certo, é a bágoa un valor universal
convertíbel en moeda real? Cal é o seu Banco Central?
Podemos con elas pagar hipotecas e comprar vontades?
E que xuros habemos de pagar?

Haberá avoa que, andando o tempo, nos infunda
curiosidade por á curuxa o cu lle ver?

Carta ao Valedor do Pobo

Sr V. do P.

Santiago de Compostela

Estimado Señor,

Espero que ao recibo da presente goce de boa saúde, prezado ben do que, polo de agora, eu tamén desfruto.

Pois saberá que por aquí se comenta, con fonda preocupación, a súa resolución de 3 de novembro, día de Santo Gaudioso de Tarazona, bispo que chegou a santo pola súa absoluta convicción da inutilidade das crenzas arrianas e polo seu empeño en se desfacer delas. Desculpe, non é que ache ningunha relación entre a súa persoa e Santo Gaudioso, nin entre o arrianismo e os que pensamos que non é herexía considerar o galego lingua propia de Galiza, mais a un ás veces véñenlle cousas á cabeza e lembra as súas actuacións ao longo destes catro anos e como atendeu as reclamacións de quen perseguiu o noso idioma, admitindo as denuncias de quen se significou por perseguir e acosar os coordinadores e coordinadoras dos Equipos de Normalización ou o Correlingua, e agora instando a que se retire un libro de texto que recolle o que di a propia lexislación e como non tivo a mesma actitude coas entidades ou persoas que solicitaron amparo ao ver negados os seus dereitos lingüísticos a ser atendidos en galego ou expresarse nesta lingua ante as institucións, nalgúns casos na mesmísima oficina do V.do P.

O resto do artigo na revista Terra e tempo