Podería saír todos os días á xanela,
á alba e ao solpor,
e ollar o que hai do outro lado
destes ferros que tanto nos oprimen.
Mais a realidade é que non hai xanela
nin nada que ollar
quer desta quer daqueloutra beira.
Daquela,
para que queremos a xanela
se non hai peitoril ao que se achegar?
Será por iso que só hai reixas.
Arquivos mensuais: Abril 2013
Escrache
Foi sempre un problema aberto
(mesmo para a lingüística)
determinar o que é unha palabra,
embora a Biblia recoñeza que no principio foi a palabra
e nós así consintamos.
Nunca foi fácil prohibilas -as palabras-
pois soen ser entidades problemáticas.
Até que chegou a DAO (Dirección Adxunta Operativa, vaia nome)
da policía e decidiu que non é correcto utilizar o termo
ESCRACHE
para se referir aos protestos fronte aos domicilios de cargos populares.
– Que escrache nin que escrache?
– Son acosadores- dixo un tal señor Arenas,
e aí ficou a cousa, pois ignora que -sexa
ESCRACHE
na Arxentina ou roche no Perú-
significa cabreo ou raiba
e procede de sputare
que non é outra cousa que
CUSPIR
Navalladas de xabre
Longo camiño
de ferro fura a serra
endurecida. Ferida aberta
por navalladas de xabre
e treboadas. Sombras de ferro
e monstruosas estruturas
de ar e cemento.
Onde vai a xente desta terra outrora
agarimosa?
Morreu ou fuxiu.
Soa, resiste a rocha
tanta infamia.
Colonias de liquens recobren
carballos e castiñeiros.
Mais aínda habemos ver alumear nesta
Patria a desbordante luz da vermella
estrela e florir nova primavera.
Arrepía a frialdade
Arrepía a frialdade con que a prensa
informa do suicidio -pactado, din,
como se puider haber un pacto sobre a morte-
dunha parella nas Fontiñas.
En columna paralela entra outra nova
que nos fala duns cantos mozos
e unhas cantas mozas,
alugueiros dunha casa para celebrar
a chegada dos dezaoito dunha delas,
que xogan a guerras non vividas
e a reality shows que nunca foron emitidos.
Habitamos no límite, e mentres uns brincan
a faceren realidade a fantasía,
hai outros que apagan os soños
cun disparo suicida.
Definitivamente, chorar non conduz a nada …