Skip to content

Mes: Maio 2010

O Decreto 79.

Hai cifras que adquiren especial significado nas nosas vidas, e a outras a memoria transpórtanos unha e outra vez, cunha insistencia circular que mesmo dá medo. Acaba de se publicar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e só ler Decreto 79 rexorden en min episodios dun tempo pasado, de hai máis de trinta anos. Non podo deixar de o asociar con aquel Decreto, chamado de Bilingüísmo, promulgado en xullo de 1979 nacido como resposta ao previsto nai Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentaban. Por sermos herdeiros daquel contexto e daquela situación, non debemos esquecer que nos debates que se deron nas Cortes, con Antonio Rosón – despois Presidente da Xunta- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das “linguas maternas” para desde aí aprender mellor o castelán. É o tempo, tamén, en que comeza a abandonarse o termo español e pasa a falarse de “castellano”. Aquel Decreto do 79 serviu de instrumento legal para iniciar unha persecución do elemento que debía ser legalizado, isto é, o ensino en galego. Non por casualidade o apartado 2 do artigo 3 condicionaba esta posibilidade “a la lengua materna de la población escolar” e ” a las opciones manifestadas por los padres de los alumnos a quienes afecte”

Desde aquela, e xa van anos, nin o ferrete da lingua materna nin a espada do dereito dos pais foron tan partidista e ideoloxicamente utilizados como alicerce da política lingüística da Administración como o foron na elaboración do Decreto que agora o DOG fai norma, mais, proba de que aquela filosofía nunca foi desbotada e se mantivo hibernada, móstrao con total evidencia a conduta da actual Administración, cun Presidente máis preocupado en intereses alleos que nos propios de Galiza.

Un proceder que leva a practicar a lexislación preventiva, xa que non de outro modo se pode entender que, despois de todas as análises e estudos que demostran a precaria situación do galego, moitas delas avaladas por quen ostenta a máxima representación en materia de Política Lingüística, se poda argumentar, como se fai na exposición de motivos do Decreto, que o Decreto 124/2007, que se derroga, ao non establecer o número mínimo de materias impartidas en lingua castelá “podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía“. Claro que si, o mesmo argumento polo que se eliminaban os xudeus: poderían chegar a contaminar a raza aria.

Agora xa temos Decreto.

Decreto 79.

Un Decreto que utiliza a sociolingüística de modo perverso, que procura xustificación na enxurrada da forza dos votos do Partido Popular (cando xa sabemos que foron menos que os da oposición) nas elección de marzo de 2009.

79. Unha cifra para a memoria que agora nos transporta cara o 24 de agosto do ano 79 en tres cidades itálicas. Como un novo Vesuvio este Decreto 79 ameaza o noso dereito a existir, a vivir en galego e pretende converter a nosa lingua nun parque arquelóxico no que os turistas admirarán a gloria do seu pasado.

Mais non ha de ser así xa que o volcán verdadeiro é o que desde hai un ano sae á rúa, en erupcións cada vez mais fortes. Ríos de lava que sepultarán as intencións lingüicidas de quen agora nos goberna, de quen en palabras de Novoneyra, só loitou contra o seu pobo.


Decreto

Parece que xa hai Decreto. Presentouno o Presidente, coa ausencia do Conselleiro de Educación. E a presenza do Secretario Xeral. Non será que vai para Conselleiro o SR. Lorenzo como premio ao seu labor? Ten toda a pinta

Pacto pola lingua

Sr. Presidente da Xunta,

Falou onte vostede, no Courel dos tesos cumes, da necesidade dun pacto pola lingua baseado en catro principios: cooficialidade entre o galego e o castelán; consideración da lingua galega como lingua propia de Galiza; acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Catro principios, Sr. Presidente, cos que seguramente concordan millares de persoas, mais a realidade é que estes catro puntos reproducen, textualmente, o artigo 5 do vixente Estatuto de Autonomía.

“ARTIGO 5

1.A lingua propia de Galicia é o galego.

2.Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3.Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

4.Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.”

O pacto a que se refire, Sr. Presidente, tamén xa existe e ten nome: Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, de setembro de 2004, aprobado por unanimidade no Parlamento.

Que propón, daquela, de novo o Sr. Presidente en día tan sinalado, cando nas súas propias barbas a Academia lle reclama unha rectificación na súa política lingüística e no Obradoiro millares e millares de persoas lle recordamos que foi o PP quen rompeu ese pacto por unha presa de votos e que algúns dos seus conselleiros colaboraron activamente coas súas declaracións a crear centos de falsías en torno á lingua?

Habemos de crer na palabra dun Presidente que mantén como responsábel de política lingüística unha persoa que se gaba de non ter ouvido as críticas ao proxecto de decreto?

E que dicir das palabras do Sr. Rueda, un día antes de vostede nos convidar a un pacto, cando afirma que os que nos manifestamos só saímos “ás rúas para criticar a política lingüística do equilibrio e da liberdade e para clamar por unha ditadura que se baseaba en que os políticos decidisen en que lingua se tiñan que expresar os cidadáns” O Sr. Rueda, que acode ás manifestacións de Galicia Bilingüe, fálanos de equilibrio e liberdade!!!

Oh tempora, oh mores! Ou o que dicía unha veciña miña, que non sabía ler nin sabía latín mais amaba o galego: Tempo andando, cousas vendo.
Habemos de o crer, Sr. Presidente, cando nos dea algunha mostra de credibilidade, pois aquí sómoslle moitos os que cremos despois de meter o dedo na chaga e despois de tanta mentira pareceralle razoablemente humano que non o creamos: retire o decreto, cese o Conselleiro de Educación e con el o Secretario Xeral de Política Lingüística, lea, cada día, unhas páxinas do Plan Xeral de Normalización e baixe da burra, pois non o vexo como un imitador de Saulo, caendo do cabalo, e xa que o Secretario Xeral de Política Lingüística non ouve nada, polo menos abra vostede os ollos á realidade e abandone a ficción da imposición, que os premios de Cannes, deste ano, xa están dados.

OBRADOIRO de pontes

Había unha vez un país e nese país había eleccións. Tamén había campaña electoral e candidatos e candidatas. E contan as vellas crónicas que, nunha ocasión, estando un candidato abrindo o fardel das promesas durante un mitin, en plena euforia discursiva, anunciou a construción dunha ponte para unir as dúas marxes do caudaloso río que atravesaba a cidade. E o público asistente, afervoado, aplaudía e prometía un apoio sen equivalente no proceso electoral que se aveciñaba. Advertido o candidato polos seus asesores de que a cidade non tiña río e que a auga era transvasada doutras paraxes e era máis ben escasa, parece ser que respondeu cun rotundo:
-Non importa, traeremos tamén o río.
Algo parecido lle aconteceu ao Sr. Feijoo na campaña electoral de 2009 e nos días previos en que, alá lonxe, nunha terra sen ríos que cruzar, se xestou a idea da carencia de liberdade lingüística: prometeu construír unha ponte e os cidadáns terían liberdade de a cruzar ou non, e máis faría, construiría varias pontes e poderían elixir por cal delas cruzar o río do conflito resultante do que el chamaba “imposición” do galego e a perda de espazos do español.
Cando desde todos os sectores sociais se lle advertiu que o galego continuaba perdendo espazos, que o sistema educativo estaba aínda moi lonxe de garantir a plena igualdade de usos e de competencias, que non existía tal imposición nin tal conflito, parece ser que respondeu cun rotundo:
– Non importa, criaremos o conflito.
E para iso contrataron os mellores especialistas. Foi así como se iniciou o proceso de substitución do Decreto 124/2007, un texto con apenas un ano de vixencia e que contara con todos os avais políticos, sociais e mesmo xurídicos para a súa elaboración e posta en marcha, alegando que ese texto era un foco de conflitos no ensino, un foco que cumpría erradicar, controlar. Abórdase a elaboración dun novo texto que, en toda a súa tramitación, non contou co informe favorábel de ningún grupo nin entidade representativa da cultura galega e parece que, polo que se filtrou, tampouco contará co informe favorable do Consello Consultivo que, lembremos, foi o grande argumento do PP para xustificar a derrogación do Decreto 124/2007.
Mais resulta que Galiza ten ríos, e os ríos teñen pontes e os galegos e galegas cruzamos pontes e pontellas cando queremos e cando non cruzamos o río a pé, ou choutando dunha a outra beira. Por iso resulta difícil de comprender o empeño do Goberno do Sr. Feijoo en seguir adiante e en gobernar sen escoitar a opinión da sociedade por máis que o Secretario Xeral de Política lingüística teime nas bondades dun texto rexeitado pola totalidade do sector educativo e mentres os galegos e as galegas seguimos a nos organizar para resistir as agresións dun Goberno teimoso en desmontar todo o que teña a ver cos nosos sinais de identidade e a construírmos todas as pontes necesarias para cruzarmos ese río de autoodio que erosiona desde hai tanto a nosa pel, o río dos que nos queren deixar sen nome, sen soños, sen futuro.
O 17 de maio acudiremos a un OBRADOIRO de pontes. Millares de pontes para millares de ríos que reflectirán unha única idea: queremos galego, queremos Galiza.