Punto de control

No punto de control as enfermeiras cargan botes e bolsas de medicamentos. Antipiréticos e antibióticos , axentes antimicrobianos dispostos a circular por esas vías que as veas con dificultade soportan pois parece ser que as novas normativas obrigan a pinchar os pacientes cada vez con máis frecuencia, tan ruín é a mercadoría.

Algunhas ollan fixamente pantallas de computador, onde anotan febres e outras incidencias que todo doente ten. E nalgunha ocasión, non todo vai ser traballo, consultan ofertas de viaxes por Turquía, O Nilo ou Normandía ou lugares máis exóticos que unha amiga comentou que Tailandia está moi ben. O caso é desfrutar e romper coa monotonía

E tamén distribúen as pastillas en frascos pequerrechos. É a trastenda da botica posta á vista de quen por alí pasea, que tamén este punto fai as veces de alameda, de punto de encontro e de despedida cando xa, coa alta na man, tomas o corredor que deixa atrás o Servizo de Uroloxía.

Constantemente soan neste espazo as chamadas dos cuartos, doentes que reclaman atención.

É o punto de control.

(De Cuarto 1130)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.