Libros de texto e renda familiar

Aínda ecoa nas aulas o polémico inquérito sobre a lingua de uso no ensino e xa a Consellaría de Educación nos sorprende con outra medida: a modificación do programa de gratuidade de libros de texto establecido na anterior lexislatura. Argumentos: “consideramos que a los que hay que ayudar, sobre todo en estos momentos, es a los que menos recursos tienen“, parece que dixo o Conselleiro.

Somos conscientes de que este é un tema que levanta opinións dispares e que hai  persoas que consideran inxusto que familias con recursos se beneficien dun programa de gratuidade de libros de texto. Por outra parte, as medidas postas en marcha en sistemas educativos do noso entorno non son unánimes, como tampouco o son as posicións do PP. Así, por exemplo, en Andalucía, onde os materiais son gratuítos para  931.730 alumnos o próximo curso 2009-2010, mediante un programa de cheque-libro, o PP acaba de propor no parlamento a extensión desta gratuidade para a etapa  0-6 con carácter universal. Tampouco existe unanimidade sobre se a gratuidade se debe desenvolver a través do sistema de empréstito, de cheque-libro ou de outro método. Mais no que si existe certa unanimidade é en considerar que os materiais escolares, nun sistema educativo obrigatorio, deben ser gratuítos para a totalidade do alumnado, e diferentes comunidades autónomas utilizan este principio, quer sendo a Administración a propietaria dos materiais que cede para o seu uso ao alumnado (Navarra ou Galiza, por exemplo) quer mediante o sistema bonolibro que permite ás familias a compra de materiais escolares (Madrid, Murcia ou Cantabria seguen este modelo).

 Non entramos na polémica de cal método é mellor, só diremos que o sistema de cheque-libro é preferido polo mundo editorial e polas librarías. Por último, nalgunhas comunidades quedan excluídas das axudas as rendas máis altas (Asturias, por exemplo non concede axudas ás familias con rendas superiores aos 60.000 €)

Sendo pois moita a casuística, a proposta do PP parece mais  unha medida populista, se non a quixermos chamar demagóxica e revanchista,  do que unha cuestión de xustiza social e, en calquera caso, parece abrir a porta á posibilidade de os cidadáns accedermos a servizos básicos en función do noso poder adquisitivo. Pouca xente cuestiona a igualdade no acceso aos servizos básicos, como a sanidade ou o ensino e vemos como, agora mesmo, e non teño ouvido voces en contra, é igual de custosa, ou de gratuíta, unha operación a quen non ten nada que a quen ten moito; que paga o mesmo por unha caixa de paracetamol quen ten unha pensión de 600 euros que quen a ten de 3000. Aplicámoslle tamén entón o criterio de renda a estes casos?. Que  pensaríamos se agora para acceder a unha prestación do Sistema Público de Saúde se fixese en función da renda?

Sen dúbida é inxusto que quen ten unhas rendas moi altas se beneficie por igual dun programa de gratuidade de libros de texto que quen é un mileurista, mais outro é o problema: vivimos nunha sociedade en que quen máis ten non paga en relación ao que ten. Rico ou pobre paga o mesmo por un litro de gasóleo ou de leite, por unha chamada de teléfono ou por un selo de correos. Se consideramos que o ensino é un servizo público esencial, igual que a sanidade, todos os cidadáns e cidadás deben ter os mesmos dereitos e idénticas posibilidades de acceso. Será noutro lugar onde se deberá decidir que quen máis ten máis pague para contribuír á redistribución da riqueza, mais comezar ese episodio de “xustiza social” co tema dos libros de texto non é máis que unha medida populista  que non ten máis obxectivo que segregar o alumnado en función da renda e favorecer máis a privatización do sistema, pois non esquezamos que os centros privados poden comprar, aínda que sexan as familias quen acabe pagando, materiais didácticos mais “modernos e diversos” que os centros públicos.

Ademais, todos e todas sabemos que as declaracións da renda non reflicten sempre o estado real da economía familiar. E tamén que a función dun goberno debe ser traballar por igualar as rendas dos cidadáns, e non “facer xustiza social” administrando as desigualdades. Porque iso é caridade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.