A política lingüística neste País desenvólvese con directrices claramente contrarias ao que sería necesario, non digo xa para avanzar, mais para non seguirmos retrocedendo no que a usos e presenza pública do galego se refire. Cun Plan Xeral aprobado no Parlamento por unanimidade en 2004, que agora o PP se empeña en non considerar, cuns inquéritos realizados nos centros educativos e agora perdidos non se sabe en que sala de San Caetano, cando se tiña prometido que en poucos días se darían datos (a verdade é que tanto dá, pois se hai que cumprir programa electoral xa sabemos cal vai ser o resultado), cunha política de persecución do galego no interior do país, pois resulta que o urxente é criar oito lectorados máis, polo visto co obxectivo de difundir a lingua propia no exterior.
Non vou ser eu quen negue a importancia de dar a coñecer a lingua e a cultura galega no exterior, mais quero lembrar aos responsábeis da política lingüística deste Goberno –desde o Sr. Lorenzo ao Sr. Vázquez, sen esquecer o Sr. Feijoo, que unha lingua non se perde porque non a aprendan os estranxeiros, senón se deixan de a falar aqueles e aquelas que a saben.
E aquí é onde se botan en falta políticas lingüísticas que aposten decididamente pola promoción social do galego e pola elevación dos seus niveis de uso, e nisto fallan estrepitosamente os planos da Secretaría Xeral, incapaz de contrarrestar a presión de algunhas entidades e persoas cunha forte capacidade de incidencia no actual goberno. Desenvólvense en paralelo políticas de promoción exterior con outras de destrución interior, mais non vexo nada que diga respecto á necesidade de, dunha vez por todas, explicar a todos os galegos e a todas as galegas por que é necesario falar galego, porque é necesario que o sistema educativo teña como lingua vehicular o galego, que vantaxes ten, nun mundo globalizado medrarmos na nosa lingua para desde ela aprender unha ou dúas ou as que cada quen poida, a máis.
Na Galiza, o galego segue a estar en acusada relación de inferioridade, en todos os ámbitos, co español e os informes que se dan a coñecer son cada vez máis pesimistas. Sería desexábel que os responsábeis da Política Lingüística comprendesen que non é tan urxente ir ensinar galego alí onde non o saben como desenvolver políticas normalizadoras aquí, na casa, onde hai aínda moitos e moitas por converter á nosa lingua, entre eles varios membros do Goberno.
Non deixa de ter o seu aquel que se poda “aprender” galego en Salvador de Bahia, onde xa o falan, e se cuestione o dereito a aprender galego na Galiza. Exportamos lingua e destruímos País.