Tractoradas por un medio rural vivo

Durante o mes de maio, e parte do de xuño, púidose visitar na Coruña, na Casa Casares, unha exposición titulada “De hoxe para sempre” centrada nos textos do Manifesto Nacionalista de Lugo de 1918. Un panel, que leva por título “A roxa labarada alumea a campía” fai referencia aos movementos agrarios  de comezos do século XX, sintetizados no anteriormente citado verso de Cabanillas. Cabanillas, igual que Curros ou Rosalía antes e Manuel María despois, interpretaron e tomaron posición sobre os  procesos  de transformación que ao longo dos anos afectaron o agro galego, sabedores de que na Galiza, as loitas labregas foron sempre a vangarda de posteriores conquistas sociais. Hoxe o medio rural está a atravesar momentos de dificultades como seguramente nunca antes pasou. Cun despoboamento crecente, só momentaneamente freado durante  os derradeiros tres anos, grazas ás políticas postas en marcha pola Consellaría do Medio Rural dirixida por Suárez Canal, Galiza enfróntase ás consecuencias derivadas da Política Agraria Común, ademais, claro é, de estar sometida ao proceso de globalización que leva consigo a destrución das nosas estruturas produtivas, non só as agrícolas. Posiblemente todos e todas coincidamos na necesidade de  aumentar a toma de conciencia de toda a sociedade sobre a problemática agrícola,  porque Galiza precisa un medio rural vivo, cunha agricultura economicamente viábel, onde non se cuestione o dereito a producir a prezo xusto e que garanta a seguranza alimentaria de toda a sociedade. Unha agricultura que aporte traballo, riqueza e calidade ambiental e dirixida cara a revitalización do medio rural. Porque temos dereito a producir, porque non somos un país  pobre nin unha sociedade dependente, porque temos recursos, temos que apostar por un medio rural vivo. Para iso son necesarias melloras nas políticas agrarias que permitan aos labregos e ás labregas vivir dignamente;  mais tamén, e non teñen menor importancia, son precisas políticas educativas, culturais e de servizos,  elementos imprescindíbeis para podermos falar dunha sociedade rural moderna que tamén ten dereitos, e que, cando llos negan, está disposta a defendelos. Como o fixo Rosalía, Curros, Cabanillas ou Manuel María e como o debería facer o Goberno Galego pois, non o esquezamos, a sociedade galega ten un grande tributo a pagar a todos os labregos e labregas que nos precederon, por seren eles, en boa medida, os artífices da ordenación do territorio, e porque sabemos que a eles corresponde o maior coñecemento, o uso e a conservación da biodiversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.