Cantas veces da outra parte do telefone, ou simplemente no balcón dunha entidade bancaria, ao indicarmos o nome, apelido ou calquera outro dato, se nos inquire, se for o caso, coa típica pergunta “con M de Madrid?”
Cando así é hai tempo que optei por dicer, NON con M de Melide. De Melide, ou de Mugardos, de Maside, de Maceda, de Melón, de Mazaricos, de Mera, de Merés, de onde queirades mais non de Madrid. Porque o M non é de Madrid.
Mais non é esta a única mostra de submisión colonial a que nos enfrontamos na Galiza. Outra, moi habitual, escoiteilla hoxe nunha entrevista ao Presidente do Consello da Cultura Galega. Mais podía ter sido a outra persoa, de outra institución e noutro día. E a outra hora.
E que foi o que escoitei? Pois iso de que “aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid”
E por que non o Sena por París ou o Sar por Padrón ou o Lérez por Pontevedra?
Xa serán horas de liberar a cabeza destes trazos coloniais, digo eu