Que cultura nos agarda?

Coñezo, neste cinco de xaneiro, dúas novas ben diferentes: a morte de Isaac Díaz Pardo e a remodelación do Goberno Galego que leva á máis alta responsabilidade na dirección da política cultural de Galiza a Anxo Lorenzo, até agora Secretario Xeral de Política Lingüística.
Sabemos que a  política lingüística neste País, baixo a dirección do Conselleiro Sr. Vázquez, se desenvolveu con directrices claramente contrarias ao que sería necesario, non digo xa para avanzar, mais para non seguirmos retrocedendo no que a usos e presenza pública do galego se refire. Cun Plan Xeral aprobado no Parlamento por unanimidade en 2004, que o PP se empeñou en non considerar, cunha política de persecución do galego, que vai mesmo máis alá da estrita política lingüística, resulta que se pon en mans de quen se significou por derrubar o traballo realizado por todas e por todos durante os derradeiros trinta anos, nada menos que a política cultural de toda unha Nación.
Resulta que, cando se botan en falta políticas lingüísticas que aposten decididamente pola promoción social do galego e pola elevación dos seus niveis de uso, e nisto fallan estrepitosamente os planos da Secretaría Xeral, incapaz de contrarrestar a presión de algunhas entidades e persoas cunha forte capacidade de incidencia no actual goberno, o Sr. Presidente da Xunta nomea para un cargo de tanta responsabilidade a unha das persoas máis cuestionadas do seu Goberno.
Mais, se en cuestións de planificación lingüística o Sr. Lorenzo aínda tiña certo prestixio no ámbito universitario, e tamén noutros sectores da sociedade que consideraban, e consideran, que a normalización lingüística é unha cousa de técnicos, e neste sentido mesmo confiaban na responsabilidade da Secretaría Xeral, a súa promoción a Cultura, para asumir, de feito, responsabilidades de conselleiro, é unha clara mostra da intención deste goberno de aniquilar, ao prezo que sexa, toda referencia a Galiza como entidade que ten lingua e cultura de seu.
Descanse en paz Isaac, de nome bíblico. E nós, na súa honra, asumamos o seu compromiso coa nosa cultura e non esquezamos incluír,nas preces que lle fagamos, un libéranos destes Abrahans que non dubidan en sacrificar os seus fillos porque un deus supremo llelo ordena.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.