A CIG-Ensino celebrou este fin de semana o seu V Congreso sob o lema: O teu sindicato a CIG-Ensino, a túa lingua o galego, poñendo así de relevo dous dos piares en que asenta este sindicato: dunha parte a súa hexemonía no panorama sindical do ensino galego e doutra o seu labor constante de defensa da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa identidade.
Canto ao primeiro elemento os datos son tan contundentes que afastan calquera dúbida sobre o acerto no labor desenvolto nos derradeiros anos: hexemonía total nas eleccións sindicais de 2006 no ensino público; incremento dun 40 % na afiliación desde o anterior Congreso; case 10.000 profesores e profesoras participando nas accións formativas desenvoltas durante o curso pasado , organizados como CIG ou conxuntamente coa AS-PG, o que constitúe a maior oferta de cursos presenciais non oficiais que se fan na Galiza, e todo isto sen esquecer o papel inherente a un sindicato: a loita constante pola mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do ensino quer para ampliar os cadros de persoal, quer para avanzar na ámbito da prevención de riscos e de saúde laboral do profesorado quer para mellorar as retribucións de traballadores e traballadoras. En todo a CIG-ensino demostrou que non é incompatíbel manter a coherencia nos principios con lograr melloras laborais para o sector e, sobre todo, que a mobilización é a arma máis efectiva, aínda que non a única, para conseguirmos os nosos obxectivos.
Nestes tempos en que todo se valora en función de resultados inmediatos e que vale máis quen máis paga, poderíamos enumerar moitos obxectivos e moitos logros da CIG-ensino, cousas concretas que melloraron as nosas condicións de traballo e tamén o propio sistema. Mais penso que non é preciso, pois o grande valor da CIG-ensino está sobre todo en lograr, coa súa actuación e o aval de millares de ensinantes, frear a implantación de modelos educativos moito máis lesivos, mais elitistas e máis selectivos dos que actualmente están implantados; creo tamén que é un mérito, mentres a tendencia xeral é converter as Organizacións Sindicais case en xestorías, que a CIG soubese manter vivo un debate intelectualmente enriquecedor e socialmente útil, sobre o sistema educativo, a súa gratuidade, o laicismo e todos os debates de fondo sobre o ensino, xa que foi a través deste debate desde onde se deu a verdadeira participación social, sempre anunciada e sempre furtada polas sucesivas administracións educativas mais atentas a implantar políticas neoliberais e en privatizar os sistemas que en atender as necesidades educativas e formativas dos cidadáns e cidadás.
A CIG –ensino chegou a este V Congreso cun nivel de unidade e cohesión interna verdadeiramente admirábel, cousa que sen dúbida xustifica e explica os éxitos logrados. Quen acredite nun sistema educativo galego, público, gratuíto, laico e democrático ten na CIG-ensino o referente, un sindicato aberto, plural, participativo.
Nos derradeiros anos mudaron moitas cousas na sociedade e nos sistemas educativos e outras moitas permanecen. Farán falta moitos anos, posibelmente, para que muden. Mais estamos convencidos de que mudarán na dirección que marcamos todos aqueles e todas aquelas que apoiamos o traballo diario da CIG-ensino. Porque a idea é boa e paga a pena, adiante!!