O sábado día 17 de outubro celebrouse en Madrid unha manifestación contra a reforma da lei do aborto; acudiron un millón dúas centas mil persoas.
O domingo 18 de outubro celebrouse en Santiago unha manifestación contra a política lingüística que o goberno de Núñez Feijoo pretende levar a cabo ; acudimos cen mil persoas.
España, segundo o censo de un de xaneiro de 2008 ten uns 46.000.000 de habitantes.
Galiza , no mesmo censo, ten uns 2.780.000.
O señor Rajoy, en declaracións a diferentes medios, entende que a presenza de tanta xente nas rúas de Madrid é motivo para presentar unha enmenda no Parlamento para que a reforma non se aprobe e xustifícao en base a que ” o de onte foi un éxito e a obrigación dos gobernantes é escoitar a xente e onte había moitos españois e outros moitos que non estaban presentes que lle estaban a dicir ao Sr. Rodríguez Zapatero: hai que unir e non dividir” (As declaracións son traducidas, non pensen que o Sr. Rajoy pasou a falar galego)
Un millón duascentas mil persoas dun censo de cuarenta e seis millóns representa aproximadamente un 2,5% da poboación; cen mil persoas dun censo próximo aos tres millóns representa perto dun 3,5% da poboación.
3,5% é máis que 2,5%; isto é, porcentualmente houbo máis asistencia á manifestación de Santiago do que á de Madrid.
O Señor Rajoy é un demócrata e supoño que cando fala da igualdade de dereitos para todos tamén inclúe os censados na Galiza.
Por iso estou certo que non terá inconveniente en presentar unha enmenda no Parlamento Galego para que non se leven a cabo as reformas que en materia lingüística está a desenvolver o seu partido, ou, xa que el non a pode presentar por non ser deputado en Santiago, que lle repita ao seu grupo político, en referencia á manifestación convocada por Queremos Galego: o de onte foi un éxito e a obrigación dos gobernantes é escoitar a xente e onte había moitos galegos e outros moitos que non estaban presentes que lle estaban a dicir ao Sr. Núñez Feijoo: hai que unir e non dividir.