Da Galiza para a África

Omo_EtiopiaÁfrica é, estes días, o albo da atención mundial. Máis do que foi cando era o caladoiro do escravismo; máis do que é cando se dá conta dos millares de persoas que deixan a vida nas augas do Mediterráneo na procura dunha Europa que as rexeita. África é o centro porque as potencias occidentais consideraron que os problemas africanos non lles competían, ou non eran problemas.

Como exemplo, cara de sorpresa que lles quedou aos responsábeis da ONU cando descubriron que, segundo os informes que eles mesmos elaboran, cara ao final deste século África albergará unha de cada tres persoas que habiten o planeta Terra, cando agora só acolle unha de cada sete, e case todos os pobres do mundo.

Iso é o que se deduce dun estudo de Nacións Unidas (ONU) e a Universidade de Washington, publicado na revista Science, que prevé que cara ao final deste século a poboación do planeta atinxirá os once mil millóns de persoas e que será África o espazo con maior incremento, pasando dos mil cen millóns actuais aos entre catro e cinco mil millóns do citado ano

Estas son as derradeiras previsións, contraditorias, certamente, co escenario manexado nos derradeiros 15 anos e que mostraban unha poboación non superior a nove mil millóns. En pouco máis de trinta anos Nixeria debería converterse no terceiro país máis poboado do mundo, con algo máis de mil millóns de habitantes e para 2100 unha de cada catro persoas nadas en África será nixeriana. Os demógrafos da ONU prevén para o resto do mundo pequenas variacións, quedando mesmo por baixo da poboación nixeriana América do Norte ou América Latina. Practicamente todo o incremento se centra en África, especialmente na África subsahariana onde países que xa contan con grandes poboacións e altos niveis de fertilidade serán os impulsores deste crecemento. Entre estes están Angola e Mozambique que, segundo as previsións, multiplicarán por cinco a súa poboación até alcanzar os dous centos millóns de habitantes (poboación similar á que hoxe ten o Brasil, que para daquela andará polos tres centos millóns)

Todos estes incrementos demográficos suporán, sen dúbida, facer fronte a reptos descoñecidos, a novas formas de encontro entre poboadores do norte e poboadores do sur, ao contacto con novos virus, a grandes aglomeracións urbanas, a deforestacións.

Non sei como serán os galegos e as galegas do ano 2100 mais, se decidiren seguir a falar galego e a teren en consideración o seu futuro, toparán que unha de cada vinte persoas que habitan África fala unha lingua como a que eles falan, con outros acentos, con outra cor, con outros nomes para designar o mundo, mais a mesma lingua, e nela poderán contar como romperon todas as barreiras que lles puxo o norte.

(Texto publicado no semanario Sermos Galiza, número 119)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.