Non son xurista nin experto constitucionalista. Na realidade non son experto en nada, simplemente, como dixo Celso Emilio:
Son un pasmón
peatón
con opinión,
e por iso hai cousas que me sorprenden.
Sorprenden porque, voltando a Celso Emilio,
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Sorprenden declaracións como as do Sr. Rubalcaba “”Yo no estoy de acuerdo con el derecho a decidir”, e queda tan pancho. Un responsábel político tan celoso el da constitución e da soberanía española que non se ruboriza cando vota a favor de que institucións que ninguén elixiu decidan por el, -cousa que tanto me dá- e de paso tamén por min.
E sorprende a decisión do TC de suspender a declaración de soberanía aprobada o pasado 23 de xaneiro polo Parlament de Catalunya e admitir a trámite a impugnación presentada polo executivo español.
Surprende porque o TC é, segundo autodeclara “o intérprete supremo da Constitución”con competencias abertas, iso si, mais que entende entre outras cousas de conflitos constitucionais entre diferentes órgaos do Estado. É aquí, supoño, onde o TC se basea para tomar a decisión de suspender a declaración de soberanía, ao actuar sobre normas sen rango de lei, ou mellor dito, ao actuar sobre intencións, pois pouco máis do que iso é a declaración de soberanía de Cataluña, unha intención, case un manifesto vangardista. Estou certo que chegado o caso o TC declararía inconstitucional o manifesto futurista e con certeza o Máis Alá de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro por percibir nese titular certa intencionalidade de traspasar o marco constitucional. Nisto gasta o Estado 25 millóns de euros.
E el serán constitucionais as miñas opinións? Tanto me dá, pois a fin de contas:
Ando sen présa,
nada altera o meu horario,
nin couta o meu comentario.
Non teño medo
do que o tempo traerá,
porque sei que tarde ou cedo
o que ha de vir chegará.