Secesión e autodeterminación

Lin nos xornais que o presidente do Goberno do Estado, o Sr. Rodríguez Zapatero, afirmou nun coloquio que “a democracia imposibilita calquera proceso de secesión. Non existe ningún país democrático que sufrise un proceso deste estilo”.

Ignoro de onde tira esa idea o señor Zapatero e podo aventurar con que intencionalidade o fai, mais é evidente que esquece que ten habido recentemente exemplos de “secesión” pacífica e democrática como a dada entre a República Checa e Eslovaquia. Ou a que se deu hai menos dun ano cando Montenegro declarou a súa independencia (ou se quere o Sr. Zapatero, a súa secesión de Serbia) nun referendo que foi monotorizado por cinco misións internacionais que concluíron que o proceso estivo marcado por unha campaña activa e maioritariamente pacífica e sen restriccións aos dereitos civís e políticos fundamentais. Neste mesmo ano a UE apoia sen disimulo a posíbel independencia de Kosobo.

Na miña opinión, resulta evidente que o Sr. Zapatero fala deste tema con demasiada parcialidade, acudindo a un termo, secesión, con certas connotacións de violencia e máis vinculado con procesos de descolonización, e que, ademais, non é usual no vocabulario político actual do Estado Español, onde é máis habitual falar de autodeterminación.

Mais aceptemos falar de secesión.

Poderá dicirnos que o dereito de secesión, entendido como o dereito das colectividades que integran unha unidade territorial, xurídica e política determinada a abandonar esa comunidade, ese corpo político, non cabe no ordenamento constitucional vixente, mais non nos poderá argumentar que non é un dereito democrático nin asocialo con procesos de violencia inevitablemente; poderá dicirnos que a Constitución Española recoñece as nacionalidades históricas, mais non confire nin a elas nin aos cidadáns que nelas vivimos o dereito de secesión, outorgándonos o dereito á autonomía, entendida tal e como precisou o Tribunal Constitucional, xa no ano 1981 na sentenza STC4/81, cando afirma que a autonomía non é soberanía, engadindo ademais que o principio de autonomía nunca poderá oporse ao de unidade.

Poderá mesmo dicir que a tendencia na Europa occidental é máis para a unión que para a secesión, mais non poderá dicir que é a democracia o que imposibilita a secesión ou a independencia.

En calquera caso, se a preocupación do SR. Zapatero é meramente democrática, hai outra reivindicación máis habitual no Estado Español, que si ten cabida na Constitución, que é o dereito de autodeterminación.

Eu non son xurista nin experto constitucional, mais teño entendido que os tratados internacionais subscritos por un Estado forman parte do ordenamento xurídico del e de aí que en virtude da referencia do artigo 10.2 da Constitución vixente aos tratados e acordos subscritos por España, o dereito de autodeterminación figure no noso ordenamento xurídico. Figura no Pacto Internacional sobre Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e figura no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ratificado por España en 1977, asinado polo Xefe do Estado sendo ministro de Exteriores Marcelino Oreja. No artigo 1 deste tratado dise que “todos os pobos teñen dereito de libre determinación.” E os estados que forman parte deste pacto deben promover “o exercicio do dereito de libre determinación e respectarán este dereito de conformidade coas disposicións da Carta das Nacións Unidas”.

Se isto é así, e se non é aceptamos gustosos que se nos corrixa, as autoridades do Estado farían ben en promover, respectar e garantir este dereito para todas as persoas, cidadáns e cidadás con dereitos e deberes, que sintan simpatía por estes dereitos recoñecidos no ordenamento xurídico, en vez de acudir a palabras pouco usadas en política e con reminiscencias a filmes ambientados na Guerra de Secesión americana.

E ademais resulta perverso que o fagan en nome da democracia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.