Había unha vez un rei …

FT1Prezada Arabela,
Agardo que ao recibires a presente te atopes ben de saúde, cousa que tamén desexo para min.
Moi grande foi a nostalxia, ou a saudade, ou a tristeza, non sei moi ben o que, que hoxe me invadiu.
Si, co asunto da coroación.
Iso xa eu o vira nunha serie de TV. E que agora os reis non che son como os de antes.
Antes eras rei porque gañabas un reino pelexando en feras batallas, con frío e con sol. E o rei, como calquera pai, cando morría, repartía o reino entre os seus fillos.
Lembra aqueles temas de historia que dicía: ao morrer, repartiu o reino entre os seus fillos, sen distinguir se eran homes ou mulleres. E alí che aparecía, a Urraca deulle o reino de tal sitio, e a García o reino de tal outro, e a Afonso e a Fernando. Todos tiñan un reino, máis grande ou máis pequeno pero víase ben que o pai os quería a todos por igual.

E que me dis das raíñas, se mesmo ten habido guerras e conquistas de reinos polo amor dunha raíña.
Agora o rei déixalle todo a un e, claro, os outros teñen que buscarse a vida e logo veñen eses casos de ingresos inadecuados nos que o rei non ten nada a ver.

E que van dicir os libros de historia? Que foi rei porque seu pai lle deu todo feito? Así non se educa a xuventude. Desprázase o valor dos emprendedores e deixan sen valor o currículo dos Obradoiros de iniciativas emprendedoras da ESO.

E os contos para nenos e nenas? Aquel “Había unha vez un rei” vai pasar a ser “Hai agora un rei”?

E as princesas, que dicir das princesas que só estaban nos libros de contos. Como unha crianza vai entender que aquilo que estaba nos libros agora se fixo realidade, e ten responsabilidades e pronuncia discursos?

Ves o meu desconcerto agora, prezada Arabela. Eu, e ti, súbditos dun rei que…., que che vou dicir.

De ter que ser súbdito de alguén eu prefería a Artur, que polo menos suou para arrincar da pedra a espada. E Merlín!

E non podendo ser así, daquela opto pola República. República e Galega

Non demores en me dar respostas, que a nostalxia e a tristura non enchan os días de verán.

(De Cartas a Arabela)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.