Gaza: O shopping center da guerra

morteLeo en Sermos Galiza, que transcribe palabras de Navi Pillay, alta comisionada da ONU de Dereitos Humanos, que os ataques israelitas na faixa de Gaza poderían ser constitutivos de crimes contra a Humanidade. Parece que, textualmente, dixo “Os exemplos que acabo de mencionar (en alusión aos ataques) parece que mostran que a lei humanitaria internacional ten sido violada até un alcance que podería constituír crimes de guerra”.

Esta e outras declaracións son só unha mostra máis das lamentacións cínicas que actúan a nivel mundial á hora de considerar o valor dunha vida humana. Boa parte desas lamentacións feitas públicas van seguidas dun grande sentimento de impotencia, como se non tivermos calquera relación ou capacidade de influenciar sobre o que acontece na Faixa de Gaza e nos territorios palestinos xa definitivamente tomados por Israel.

O primeiro que encontramos día a día ao escoitarmos os informativos é o balanzo de mortos, a desigualdade da batalla, os bombardeos sobre a “poboación civil”, eufemística maneira de xustificar os “danos colaterais” que utiliza a lei internacional. A vella linguaxe que cataloga os mortos como mulleres e nenos cando, obviamente, tamén hai homes e nenas nestas batallas. Porque hai séculos que as guerras deixaron de ser un combate de estratexia motivo de grandes pezas literarias, onde quen mataba e quen morría se vían as caras, percibían o perfume do medo, e pasaron a ser, simplemente, masacre, eliminación e, tamén, motor de moitas economías.

Todo iso e máis.

Nun momento en que todo se transmite por televisión ou por redes sociais, en directo e a cada segundo, a guerra é, e neste contexto xoga Israel, unha especie de “shopping center” de tecnoloxías de seguranza nacional, na que o estado agresor demostra a eficacia dos seus produtos “testándoos no campo”, por utilizar a imaxe de Naomi Klein, xornalista recoñecida internacionalmente, sobre todo após o seu traballo A Doutrina do Choque – A ascensión do capitalismo de desastre. E cando as probas de campo finalizaren, nun par de días ou de semanas, que como en calquera outro laboratorio os prazos dependen do tipo de cultivo, os agresores darán mostra da súa sensibilidade e abandonarán o campo. E os gobernos que agora alardean da súa solidariedade co pobo palestino mais afianzan relacións estatais con Israel, contribuirán con “axuda humanitaria”. Solidariedade baseada en discursos vacuos con Palestina mentres as relacións económicas se sustentan en cuantiosas aportacións para Israel.

Todo xenocidio se fundamenta en, dunha parte, invisibilizar a poboación agredida e, doutra, en a culpabilizar e, en consecuencia, en presentar os ataques como lexitima defensa. Só hai que ver a prensa para topar con novas do tipo “Israel responde aos mísiles tirados por terroristas do Hamas”, ou mesmo con novas, importantes para quen sexa suxeito activo mais frívolas no contexto, como “Telaviv vive momentos de pánico con mais un alerta de mísil e interrompe unha cerimonia de casamento” e na mesma plana os medios falan de centenares de mortos palestinos, mais como algo inevitábel, como unha circunstancia de estaren alí.

É evidente que a ONU e a comunidade internacional -entendida como o conxunto de grupos de poder que controlan as relacións internacionais- son incapaces, mellor, non están interesados, en frear as agresións israelenses, mais si que o podemos facer as persoas que acreditamos no dereito dos pobos a definir o seu futuro, sen dependencias nin interferencias. É o deber de cada quen de nós, dos que desexamos a paz para o pobo palestino, ou dos que queremos a solución do problema saharauí, dos que desexamos que o pobo catalán se pronuncie en referendo e dos que queremos que o pobo galego exercite os seus dereitos, non permanecermos calados diante do masacre.

E se permanecermos calados teremos que carregar co fardo de sermos cómplices de toda esta matanza.

E non é un fardo lixeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.