Son demasiado débil para soportar todo isto.
Mais ti es forte, tes asignada unha tarefa
para a desenvolveres na vida, un norte ao que te dirixires,
e non precisas da miña fraxilidade,
ti es a muller de sombreiro negro que, decidida,
sae do cadro de Kees Van Dongen
para ollar, á distancia, este inmenso tempo infinito
que os outros consumimos en tecermos inúteis teas,
en contemplarmos, impasíbeis, o propio embigo,
desposuídos da triste certeza de que nada vai mudar,
de que a eternidade ten data de caducidade.
Certamente non gosto de estar aquí,
mais é o único lugar onde intúo o rostro estraño
da esperanza; o peor é esta soidade,
e a dúbida, que xamais chega a termo.
Se eu puider achar palabras que expresaren
o gozo de sentir a túa presenza!
Procúroas nos teus ollos ausentes, no teu cabelo imaxinado,
e só as acho na polpa ardente dos teus dedos
que pousan nos meus antes de poder cinxírmonos
no derradeiro, e definitivo, abrazo.