Gustaría tanto achar os vocábulos
precisos para che poder segredar
o longa e pesarosa que é a tarde …
Non o podo facer.
Carezo de dicionario
que recolla entradas suficientes para satisfacer
tan ardente desexo.
Recoñézoo, mais fico tranquilo,
curado dos síntomas do pánico,
incompetente perante un tempo
que nen me pertence, nen procuro,
totalmente desposuído da gravidade
da lembranza amada.
E tórnome hóspede do silencio,
bugallo necesario, sabedor de que nunca
chegarei a ouvir unha palabra de confianza
que humedeza as raíces desta Terra
para naceren gromos novos de carballo.