O galego, a prioridade de Feijoo

Comeza un novo curso escolar marcado, entre outras moitas cousas,  pola intención do Goberno de derrogar o  Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, despois dunha consulta ás familias que pretende lexitimar a política regresiva cara ao noso idioma previamente programada pola Consellaría de Educación. 
Convén lembrar que foi a promulgación deste Decreto, aínda vixente e polo tanto de obrigada aplicación este curso que comeza,  o que rompeu un “aparente consenso lingüístico” que duraba desde a aprobación do Plano Xeral de Normalización Lingüística.
E dicimos aparente porque quen agora goberna Galiza cunha política lingüística que transcorre do bilingüismo harmónico para o bilingüismo cordial, eríxese en firme defensor do castelán argüíndo que se rompeu o “equilibrio” entre as dúas linguas e identificándose plenamente  coas teses de  entidades que baixo a aparencia de defender dereitos individuais procuran simplemente o monolingüísmo en español, alcumado agora bilingüismo integrador.
Mais todos e todas sabemos que o equilibrio, a fin de contas, é un concepto comprobable mediante unha simple balanza. Coñecemos o funcionamento da balanza romana:  para conseguirmos o equilibrio entre o obxecto que queremos pesar e o pilón temos que aproximar ou afastar este do punto en que pivota a barra. Canto mais o afastemos dese centro máis  peso podemos colgar.  Resulta evidente que, no momento presente, para mantermos o equilibrio entre galego e español  o contrapeso ou pilón, o galego,  se ten que afastar cada vez máis do fulcro porque o peso do obxecto a pesar, o castelán, é cada vez maior.  E  aínda así hai equilibrio, polo menos mentres  non se acabe o brazo da balanza, cousa que ben lle podería agradar á Consellaría de Educación.
Mais está claro que a sociedade galega non quere ese tipo de equilibrio desequilibrador, e aí están as manifestacións como a do 17 de maio ou as diferentes plataformas xurdidas nos últimos meses e promovidas por persoas e entidades ideoloxicamente ben dispares. Faise necesario regular e establecer outro tipo de relación entre galego e castelán, fundamentado máis  na balanza de pratos (cos diferentes contrapesos situados a igual distancia do punto de pivotación) do que na romana.
 É nesta dirección que ten actuar calquera norma que regule a presenza do galego no ensino porque é ese camiño marcado no Plano Xeral de Normalización Lingüística elaborado baixo o goberno do PP, aínda que nunca acreditou nel, e que desenvolve o Decreto 124/2007. Trátase simplemente de establecer un novo tipo de relación, fundamentado nunha relación de igualdade entre galego e castelán, colocados ambos nun prato de balanza. Só así manteremos, polo menos no sistema educativo, o equilibrio. Outra cousa é o que suceda fóra do ámbito académico, sen balanzas legais que actúen de contrapeso e onde a política seguida por este goberno é simplemente non facer nada para que todo vaia a peor.
Podemos preguntarnos a razón pola que, no tempo das balanzas dixitais que meden con exactitude o peso de cada obxecto, e aí están todos os estudos científicos realizados nos derradeiros anos que confirman a perda de peso do galego, o PP quere medir a relación galego-español no ensino coa balanza romana?  Pois porque quen algunha vez teña utilizado este instrumento para pesar, sabe que cando o obxecto a pesar ten moito máis peso que o contrapeso da balanza, un pequeno descoido pode facer que o pilón, neste caso o galego, saia disparado do brazo da balanza. Non outra cousa pretende o PP, que o galego saia do sistema educativo, ou senón que permaneza alí nun curruncho, afastado e en cuarentena.
Por iso non podemos descoidarnos, porque a galeguización do sistema educativo, na expresión e nos contidos, planificando en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais, é unha tarefa imprescindíbel e inadiábel. Ese ten que ser o noso compromiso

PS.

Este goberno manifestou que o galego sería unha das súas prioridades. E está a cumprir. En pouco máis de 100 días derroga o Decreto do ensino infantil, suprime a proba en galego nas oposicións, suprime as  axudas á tradución en galego, exclúeo dos  SERGAS, fala de modificar topónimos. Quen dixo que non cumpría… O galego, a súa eliminación,  é a súa prioridade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.