As festas do Apóstolo teñen dous momentos estelares de cara á cidadanía. Un, o 24 pola noite, cos fogos de luces e outro o 31, de novo cos fogos de fin de festa. Este 31 de xullo de 2009 contou coa actuación estelar do Secretario Xeral de Política Lingüística, novísimo lanzador de fogos de luces no ar de Compostela para dar a coñecer os “resultados” dunha consulta ás familias levada a cabo nos fins de xuño. Fogos de luces que o Secretario Xeral de Política Lingüística lanza no día do fin de festa para nos confirmar o que xa se nos dixera antes do inquérito: que hai que mudar a política lingüística dos derradeiros 25 anos porque non se axeita á realidade e que é preciso un novo decreto no ensino que “desenvolva un modelo lingüístico plurilingüe de calidade, que asegure o coñecemento do galego e do castelán”.
Do galego e do castelán!!. Será que está en perigo o coñecemento do castelán na Galiza? Eu pensaba que o papel da Secretaría Xeral de Política Lingüística era desenvolver políticas de normalización para o galego, mais resulta que non é así.
Mais os datos presentados non teñen ningún valor por máis que se esforce a Consellaría en querer lexitimalos, pois foron obtidos sen ter en conta as mínimas garantías científicas que requiren os inquéritos sociolingüísticos – e iso debería sabelo ben o Secretario Xeral- e foron tratados de maneira obscurantista, por mais que se nos diga que o proceso contou con garantías e foi transparente.
A transparencia ven dada, mais ben, por nos permitir entender a intencionalidade da Consellaría ao levar a cabo esta consulta-trampa, que non tiña outro interese que o afán de impedir que a sociedade galega continuase a posicionarse a prol dun ensino en galego ou maioritariamente en galego, freando deste modo os cativos avances que a lexislación introduciu no sistema educativo nos derradeiros anos. Non é casualidade que o inquérito se presentase pouco despois da masiva manifestación do 17 de maio e os resultados despois do 24. Porque en materia sociolingüística os contextos son non só importantes, senón determinantes. E isto sabeo ben o Secretario Xeral de Política Lingüística.
Para esta viaxe non se precisaban estas alforxas.