Visibelmente contrariado. Así definiron os medios de comunicación a actitude do Conselleiro de Educación na presentación da pseudoconsulta que nos vai custar máis de 200.000 euros para divulgar entre algúns pais e nais galegos unha folla coa que pretenden confirmar o que xa sabemos de antemán.
A min contrariado non me parece suficiente. A min pareceume a actitude dun neno mimoso e mimado que teme que algún outro lle toque o seu xoguete, un xoguete que quere para el só. Unha actitude impropia de ningún responsable político. O señor Conselleiro debería ir xogar á súa casa ou acudir a algunha das xornadas sobre a importancia do xogo na educación infantil e sobre a importancia da seriedade na actividade política.