A comezos do século XX o goberno de Australia levou a cabo unha política de separación dos nenos mestizos dos seus pais levándoos fóra do seu contorno para os escolarizar. A idea respondía ao suposto de que educados no mundo dos brancos os nenos prosperarían deixando atrás a idea de atraso da súa lingua e cultura. Isto rompeu familias e desfixo comunidades enteiras e os nenos foron, finalmente, educados para seren criados dos brancos. Tal opresión só pretendía arrebatar lingua e identidade aos nativos que cando finalmente se reencontraron coas súas familias non podían comunicarse con eles por non coñecer o idioma. Hoxe en Australia desapareceron o 95 % das linguas.
A comezos do século XXI, Mayor Oreja manifestou, en declaracións efectuadas en Cataluña, sentirse orgulloso do seu bisavó por ter prohibido falar éuscaro na casa. O tal señor fixo ese “esforzo”, cualificado por Oreja como propio de mentes abertas, – en contraste coa mente “cerrada” de Sabino Arana, a quen cita como coetáneo e amigo do seu bisavó- para que os seus fillos falasen ben español. Insistiu, ademais, en que o que hai que facer é defender o español para que este se converta en lingua vehicular na UE, xuntamente co inglés. Unha vez máis, a lingua como instrumento do imperio.
Mentres estas declaracións se difundían en Cataluña, na Galiza, os correlixionarios de partido do señor Mayor Oreja, que -lembremos- é cabeza de lista para as eleccións europeas, manifestan unha actitude similar na forma e que persegue o mesmo obxectivo: tendo en conta que aínda non nos poden prohibir falar galego na familia e que arrebatar os nosos fillos e fillas para os escolarizar en espazos separados é custoso neste momento de crise mais non se desbota como solución final, ou polo menos é o que di o Conselleiro de Educación, faise necesario erradicar toda medida de promoción do ámbito público en base á suposta necesidade de garantir o consenso lingüístico.
Mais Galiza non é Australia, por máis que o eucalipto abunde, nin os modelos familiares da Galiza do século XXI son os mesmos que os do século XIX na casa dos antepasados de Mayor Oreja. Non podendo pois prohibir no seo familiar, o PP acode ao ámbito público e aí temos os seus dirixentes convertidos en sociolingüistas de ocasión ou de profesión, tanto dá, recitando a teoría do disparate da imposición e da perda de consenso.
Onte, 17 de maio, 146 anos pasados desde que Rosalía, por certo coetánea do bisavó de Mayor Oreja e que coñeceu ben as teorías impositivas do español, publicou Cantares Gallegos, 40.000 galegos e galegas enchemos as rúas de Compostela. Nos días previos outros 45.000 rapaces e rapaces manifestaron o seu dereito a seren educados en galego. A todos nos responde hoxe o conselleiro de Educación que ese Decreto se vai derrogar por ser un compromiso cos seus votantes.
Mais, cales son as verdadeiras razóns de derrogación do Decreto, pois ninguén cre xa o conto da imposición. Na miña opinión a explicación ven dada neste parágrafo do programa electoral da PP:
” A existencia dunha oferta plural de centros educativos constitúe un síntoma de apertura nunha sociedade aberta; pola contra limitar a capacidade de elección dos pais reduce a igualdade de oportunidades e afecta especialmente ás persoas con menos recursos e por iso cada vez máis pais demandan maior liberdade na elección da educación que queren para os seus fillos: elección de centro, de relixión, de ideario, de lingua… A administración, sempre tendo en consideración a necesaria homoxeneidade do sistema que garante a cohesión social, pode contribuír a incrementar as garantías da libre elección do tipo de educación, e inspirará a política de concertos educativos e de relación cos centros privados, en función da demanda das familias”
Trataríase de facilitar que os centros privados suxeitos a concerto poidan incluír no seu “ideario” un perfil lingüístico para que os pais elixan” libremente” o tipo de educación, evitando deste xeito situacións de incumprimento da norma que os podería levar á perda dos concertos educativos. Todo arranxado, as familias demandan ensino en español, a administración “incrementa as garantías” de libre elección do tipo de educación, os centros privados poden garantir os desexos das familias e, de paso, incrementar o seu peso no sistema educativo.
Dunha vez por todas acabamos de privatizar o sistema (despois continuamos coa sanidade) e matamos dous paxaros dun só tiro: eliminamos o problema do ensino público e o do galego. Alguén o pode facer mellor?