Prácticas neronianas e outras cousas

Segundo relatan as fontes antigas, Nerón –embora culpase os cristiáns do incendio para os perseguir sen piedade-  mandou queimar Roma para a reconstruír ao seu gusto, e dise que  mentres ardía a cidade el  estaba cantando versos da obra Iliou Persis, poema que comeza coa discusión dos troianos preguntándose que facer co cabalo de madeira que os gregos deixaran abandonado onde tiñan o campamento.  
Algo de neroniana ten a actuación política do Presidente da Xunta, porque en apenas uns días incendiou coas súas declaracións o inestable desequilibrio lingüístico da Galiza, avivando o lume onde só había fume, na perspectiva de reconstruír unha Galiza monolingüe (en castelán), instaurando finalmente a paz lingüística nesta fronteira do Imperio, da mesma maneira que Nerón fixou a paz na fronteira co Imperio Parto.
Non satisfeito con iso, acusa o profesorado que cumpre a lexislación vixente de non respectar os dereitos do alumnado e fai un chamamento público para incumprir o Decreto 124/2007. Nunca tal se viu!!!. Un Presidente de Goberno chamando os cidadáns a incumprir as normas legais vixentes, facendo apoloxía da anarquía.
Parece irreal. Mais é obvio que o Sr. Presidente  abriu este novo cabalo de Troia para seguir unha folla de ruta perfectamente trazada desde certas ondas radiofónicas, desde certa xerarquía relixiosa que obxecta e propón a rebelión social contra todo o que non sexa criacionismo, desde certa fundación que o mesmo proclama a inexistencia do cambio climático que o analfabetismo dos galegos e galegas e desde certas organizacións sociais que se amparan na falsidade da imposición lingüística para participar no xogo, quer de difundir  mentiras quer proclamar verdades con tal de lograr o obxectivo. E o obxectivo único é borrar da face da Terra todo o rastro que nos afaste do pensamento único, do mercado único, do amo único, do idioma único.
No acto de proclamación como candidato á Presidencia da Xunta, en novembro de 2008, tal como se difundiu nos medios de  comunicación, o Sr. Núñez Feijoo dirixiuse in memoriam a Xosé Cuíña en nome de Galicia, nai e señora. Tamén teño escoitado que o Sr.Presidente está casado con Galiza.
Galiza nai e esposa, tal é a percepción que o Sr.Presidente ten da realidade que lle tocou gobernar.
Disque Nerón asasinou, ou mandou asasinar, a súa propia nai, Agripina  e a Claudia, a súa esposa, ao regreso do exilio a que fora condenada. Estranxeira na súa patria, a nosa lingua comeza a vivir novamente, despois do regreso dese exilio de usos a que foi sometida, mais as medidas previstas polo PP,de non as frearmos, igualarán, inevitablemente, o seu destino co de Claudia. Agora a  responsabilidade será, , do Sr. Presidente, por máis que intente botar a culpa da destrución aos que entendemos que os galegos e as galegas temos dereito a que a nosa lingua propia  sexa oficial a todos os efectos e que o galego debe desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.