Himno nacional: Un feito, non un lapso

A presidenta do Parlamento, Dona Pilar Rojo, mandou interpretar o himno nacional. Nada estraño, un feito habitual despois de finalizar un acto institucional tan importante como a constitución do novo Parlamento.

Eu, que considero que, efectivamente, Galiza é a miña nación e a de varios millóns de persoas máis, agradezo que Dna Pilar Rojo dixese esas palabras. Himno Nacional, porque iso é o que dixo, iso é a manifestación obxectivamente audíbel, o que toda a xente percebeu, o que non admite interpretacións. Se logo hai correccións ao que ela quixo dicir ou non quixo dicir xa pertence ao ámbito do subxectivo, do que non sucedeu, do que non ouvimos. Ignoro se Dna Pilar Rojo cre que Galiza é ou non é unha nación, mais hoxe, no exercicio das súas funcións como Presidenta do Parlamento, afirmou que o era. E iso é o que define a sesión de constitución do Parlamento. A constitución dun Parlamento nacional. Desde a presidencia do máximo órgano de representación democrática dos galegos e galegas afirmase que Galiza ten un himno nacional, e disto dedúcese que é unha Nación.

Somos moitas as persoas que estamos convencidas de que Galiza é unha nación. Partimos dese convencemento porque antes de nós millares de galegos e galegas demostraron coa súa práctica e desde todos os puntos de vista esa realidade que nós hoxe tamén afirmamos. Por iso non nos é preciso demostrar nin xustificar, nin tampouco o queremos facer,a cada paso esta realidade, mais agradecemos que aquelas persoas que representan as nosas institucións non fagan deixadez das súas obrigas e recoñezan o evidente, o incuestionábel: que Galiza é unha nación. Logo xa virá, ou non, o resto, mais o recoñecemento do que somos é o primeiro paso para nos ollarmos no espello e recoñecermonos como pobo libre e soberano.

Como nación da Europa do século XXI non podemos permanecer indiferentes perante a posibilidade de manifestar, en todas as circunstancias, a obviedade do que somos. Por iso, perante esta lexislatura que comeza, e nas previsíbeis reformas que se porán en marcha, non debemos renunciar a reclamar o dereito a planificar o noso propio futuro, o que queremos libre e democraticamente ser, sen colidir con ninguén mais tamén sen que ninguén entorpeza o noso camiño.

Lonxe das grandes frases que nos definan e das ameazas con que nos provoquen, nós ben sabemos o que somos, e o que somos, sómolo con independencia de os demais o veren. Porque a Nación – dixo Castelao – é un feito e non unha idea. A presidenta do Parlamento está neste camiño? Ou pensa dicir, en sede parlamentar, que somos só unha idea e non un feito? Ou o que é pior: que Galiza é un lapso. Vostede dirá, Dna Pilar.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.