“Empregar como lema “empezamos” envía ao receptor a mensaxe de que quen así se presenta aparece ante nós por primeira vez, que non ten traxectoria anterior. Ao tempo vén a dicir que aínda nada foi feito, que todo está pendente e que ten a capacidade de realizalo. Mais hai outro aspecto importante, a ambigüidade idiomática, de maneira que quen o emite non precisa tomar posición, será o receptor quen decida se recibe a mensaxe en galego ou en español”. Así se manifestaba Marta Dacosta nun artigo recente comentando o lema da campaña electoral do Partido Popular. E é posíbel que unha boa parte do electorado interpretase ese “empezamos” co significado de comezar. Na miña opinión, e conservando a ambigüidade idiomática a que se refería Marta, debemos situar a interpretación do “empezamos” mais no campo de impedir, obstaculizar, atrancar. Prexudicar alguén ou algo; impedir a realización dunha cousa ou proxecto, porque este é o significado do verbo empecer, do que empezamos é presente do subxuntivo. Segundo as gramáticas no Modo Subxuntivo, o emisor presenta un estado de cousas estimado por el como descoñecido, non real ou non certo (que non é o mesmo que posíbel ou dubidoso) independentemente da súa realidade obxectiva. É o modo da non realidade.
E aquí, na non realidade foi onde se situou toda a campaña do PP. Por que onde, se non for na non realidade, está a presunta imposición lingüística do galego sobre o español? Onde, se non for na non realidade e no descoñecemento do proceso educativo, está o adoutrinamento dos nenos e nenas menores de tres anos?.
Foi así que o PP dixo: empezamos. Empezamos que se poida consolidar un sistema público de ben estar social; empezamos que se poida desenvolver a lexislación en materia lingüística no ensino; empezamos que Galiza poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; empezamos que poidamos ser donos da nosa produción agrícola; empezamos, obstaculicemos, atranquemos, prexudiquemos, impidamos a realización de calquera proxecto que poida supor que os galegos e galegas teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. E se iso o facemos en nome da liberdade o noso empezo (que por certo, é sinónimo de empezoñamento )terá máis éxito.