A decisión adoptada pola Consellaría de Educación este fin de semana pasado, asinando un preacordo primeiro e o acordo despois en materia de xornada con algunhas organizacións sindicais co obxectivo manifesto de deixar fóra a CIG, e facéndoo xustamente nas vésperas do primeiro de maio, ten como un dos seus obxectivos afortalar a dinámica das centrais de ámbito estatal para pór en evidencia a chamada “desunión” sindical e a pouca “utilidade” de todo o que cheire a nacionalismo.
Entra así por méritos propios a Consellaría de Educación a formar parte do círculo daqueles que, co ánimo de insistir no desprestixio do sindicalismo nacionalista, aprofundan no desprestixio de todo o movemento sindical.
Mais o que resulta máis preocupante é que a Conselleira fale de ” e consenso” e que ademais relacione o acordo cun ” maior éxito escolar, así como unha mellor organización dos centros”. E todo isto á marxe da Mesa Sectorial, polo de agora a única instancia legalmente capacitada para modificar as condicións laborais do profesorado.
Deixar propositadamente á central sindical maioritaria entre o profesorado de todo o ensino público non universitario non é un acto de diálogo e consenso, senón un acto de provocación coa única intención de tensar as relacións coa central representante da maioría do profesorado e poder, sen dúbida, abrir o camiño para o desenvolvemento da LOE naqueles aspectos máis conflitivos e que máis reacción causan entre todos os que aspiramos a ter un sistema educativo propio. E a Consellaría sabe ben que para iso só ten como aliados aqueles que ansían a recentralización de competencias, deixando só para os poderes autonómicos a xestión do sistema, mais non a planificación.
Algúns cremos, cando se comezou a falar da modificación da xornada, que efectivamente a Conselleira, actuando dentro das súas competencias, procuraba conciliar a vida familiar e laboral e posibilitar unha maior interacción entre o sistema educativo e a sociedade; mesmo parecía que o problema laboral que ocasionaba podía ter unha solución satisfactoria.
Mais resulta que estabamos equivocados, que ao final con esta medida nin se procuraba a conciliación da vida familiar e laboral nin se buscaba maior eficacia do sistema. Só se procuraba aforro en gasto e, sobre todo, dicir ao 40 % do profesorado que cre nun modelo educativo diferente ao pactado polos poderes de ámbito estatal que non abrigue esperanzas de mudanza.
Tanta propaganda para incorporar aos currículos a Educación para a Cidadanía e ao fin toda a Consellaría levaría un suspenso en comportamento democrático. Tempo andando, cousas vendo.