Redes sociais e inmortalidade

utHai máis de 5000 anos, nun extraordinario relato alegórico, Xilgamés partiu na procura da inmortalidade. Foi Utnapishtin, sobrevivente ao diluvio e enviado polos deuses, quen lle revelou o segredo. Para chegar a el Xilgamés houbo de pasar moitas peripecias e fatigas mais, finalmente, coñece que é ao fondo do mar a onde debe ir. E procurar a planta máxica da eterna xuventude. Xilgamés atópaa mais pouco dura a súa alegría: unha serpe, atraída polo aroma, consegue quitarlla. Derrotado, consciente da inutilidade da viaxe, regresa a Uruk. Tamén Ulises navegou até o Hades por indicación de Circe. Dante circulou por Ceo, Purgatorio e Inferno. Percebal procura o Graal para que Arturo poida vencer a morte. Mordred, Fausto e Dorian Gray pactan a eterna mocidade.
Eis as nosas limitacións. O tempo, a morte, presentes desde as orixes da humanidade, constante preocupación por os vencer.  Constante preocupación por vencer o tempo, algo alleos ao que a todos nos espera en Ispahan. E mesmo antes de chegar a Ispahan, aquí, en calquera rúa, na nosa propria cama.

Hoxe ese proceso de procura da inmortalidade desenvolvese nas redes sociais, no Facebook especialmente, mais tamén en todas as demais. E seguindo os pasos clásicos das grandes epopeas, mostrando as peripecias e as fatigas da vida de cada un de nós. Rostros marcados pola serpe da dor, pola doenza amarga, aparecen na nosa liña do tempo.

Rostros doridos que suscitan solidariedade. Perfil de beleza desfigurada.

Siduri, a taberneira que vive xunto ao mar, dille a Xilgamés que nunca logrará a inmortalidade e aconséllao para que goce da alegría da vida, única perspectiva da humanidade.

Son os likes que consolan a derrota inevitábel, motor da longa viaxe para percorrer a estepa que, afinal, todas, todos, habemos de percorrer queiramos ou non.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.