Os mandaríns do pensamento veñen, desde hai tempo,
propoñendo,
construíndo,
deseñando,
o futuro do mundo,
o mundo do futuro
ou mesmo anunciando xa a súa chegada inminente co cálido verán,
que este ano non foi tal e choveu cando lle petou,
coa primavera ou co outono farturento.
Nada se fala do inverno, frío e húmido, alleo ás ideoloxías e ao pensamento.
Mais todos eles, todos están equivocados.
Nin estamos na fin da historia nin entramos xa na nova orde mundial.
Non están acabadas as guerras iniciadas polo imperio prepotente,
nin as mortes inocentes deixaron de bater na porta da conciencia.
Só están transformadas, segundo a lei da materia.
Mais dentro de dez, ou quince, ou vinte ou máis anos
o que aconteza aquén ou alén das nosas xanelas de vidros relucentes
seguirá a nos afectar, e continuará a haber xente
que, na cidade ou na selva, non dubidará en se bater
para termos máis xustiza e máis solidariedade
E eu, se podo, estarei alí.