Soa ao lonxe unha campá.
O ar axítase no gume vacilante do vacío.
Silencio estridente que fere
como as ás da borboleta.
Tres badaladas.
A marca ritual.
Alguén botou a andar por ese camiño
de retorno imposíbel,
as mans aferrolladas con torques de inxustiza.
Camiñarei con el, devagar, parando a cada instante,
para ollarmos, con firmeza,
a fita do horizonte que se esvae,
mentres ouvimos o claxon do padeiro a distribuír pan
e deixamos os zapatos a un lado do camiño.