Produciume certo desasosego a derradeira sentenza do Tribunal Constitucional confirmando á Igrexa Católica a potestade de designar e destituír os profesores de relixión baseándose non só nos seus coñecementos senón tamén, e fundamentalmente, na súa conduta. Ese desasosego ven dado por canto xa non sei se a sentenza afonda no descrédito do tribunal ou enaltece a súa independencia. E digo isto porque, sexa ou non sexa constitucional, parece de sentido común que o que aconteza dentro da casa de cada quen -e mentres non supoña violencia contra outras persoas- pertence á súa vida privada e non debe para nada ser tido en conta para ningunha prestación de servizo público. A non ser claro é, que pretendamos dar un paso máis alá e a partir de agora, por exemplo, un médico ou unha médica que fumen na súa casa sexan despedidos do seu traballo porque nos centros hospitalarios non se permite fumar.
Mais, brincadeiras fóra, a sentenza do Constitucional ven poñer as cousas no seu sitio e confirmar o que é evidente pese a que o goberno do PSOE intente convencernos do contrario: que no estado español o ensino da relixión é confesional, as Igrexas son responsábeis dos contidos, das propostas do profesorado (e tamén do seu cese) sendo o Estado quen contrata e paga o profesorado, deixando para a administración educativa o único traballo de asinar o cheque.
Desde hai anos, sóese utilizar o argumento constitucionalista para xustificar a presenza da relixión no sistema educativo, ocultando que a Constitución o que fai é garantir a liberdade relixiosa individual ao tempo que atribúe aos pais e nais a posibilidade de adoutrinar relixiosamente a súa descendencia, garantíndolles o Estado ese dereito mesmo dentro do propio sistema educativo público.
Mais a Constitución non impón que o sistema educativo deba ser un elemento catequizador, cousa que si reafirma a sentenza ao atribuír á vida privada de cada profesor ou profesora contratado un valor importante como modelo de conduta. E é que, contra o que di a Igrexa, a relixión non é unha materia máis no currículo. Ou isto polo menos é o que se desprende dun documento aprobado pola Conferencia Episcopal Española o 24 de abril de 2001 sobre principios e criterios para a inspección da área e o seguimento dos profesores de relixión católica. No punto 7 dise que os profesores de relixión son suxeitos dunha “missio canonica” .
E isto que supón? O que por isto se entende pode verse en http://www.conferenciaepiscopal.es/ensenanza/profesor.htm: “el Obispo de la diócesis debe discernir si este profesor es creyente católico y puede entregarle la missio canónica, esto es, el mandato de enseñar en su nombre, como miembro de la Iglesia, de cuya misión participa con el anuncio de Jesucristo en su acción educativa”
Non imos entrar nos moitos os argumentos que se poden dar en contra da inclusión de clases de relixión confesional no sistema educativo sen que por iso os nosos alumnos e alumnas sexan uns ignorantes á hora de entender o protagonismo da materia relixiosa na nosa cultura, mais neste momento en que a sentenza do Constitucional reabre o debate sobre a relixión no sistema educativo, neste caso a través da contratación do profesorado, parece oportuno reclamar, unha vez máis, un sistema educativo laico onde o fenómeno relixioso teña cabida curricular na área que se determine. Deixémonos de fariseísmos e non nos escandalicemos de sentenzas como estas que só veñen reafirmar os privilexios de que goza a Igrexa Católica por termos consentido que se convirta en Lei o que simplemente son uns acordos e digamos claramente que o Goberno deberá, dunha vez por todas, levar ao Parlamento as medidas lexislativas necesarias para evitar situacións como a actual. Non facelo é un acto de hipocrisía.