Profundísimos ollos que arrecenden a desmemoria;
pequenas mans que unhas veces abren, e outras fechan,
segundo sexa o transitar da presurosa clientela,
a porta do supermercado.
Presenza triste marcada pola liña dun sorriso
antecipadamente interrompido,
e un cartón con letras debuxadas coa viscosa tinta
do estigma perdurábel,
a dar cumprida conta do seu currículo.
Pasamos en silencio, con temor do seu ollar,
e nada nos preguntamos.
Ás veces, saber, pode facer pensar
ou dubidar.