Cando hoxe de mañá cedo, en rutina repetida
cada día desde hai anos, ía para o traballo,
topei máis unha vez contigo.
Ti vés de lonxe, da fronteira da sombra
que nesa hora enche o paseo marítimo,
e eu vou para ela, aínda que, claro, desde
a túa perspectiva es ti quen vas e eu son quen veño.
Coñecémonos de vello e, con todo, nada sabes
de min e de ti eu todo o ignoro, se tes traballo
ou estás no desemprego, se es feliz ou percorres
a rota de algún desengano.
Nin sequera coñezo o timbre da túa voz,
pois ningunha palabra nos dixemos,
nada en todo este tempo perturbou ese silencio
que nos arrastra após de si.
Levamos a mesma dirección, mais camiñamos
en sentido oposto segundo as frechas
que a cada quen lle marca a vida, nun camiñar sen pausa
nin desvío, na procura do instante mesmo en que traspasamos
o limiar de tanta mudez acumulada.
Só entón permitimos que os nosos ollos
se interroguen
e gardamos avaramente
a resposta desexada, acariñando ese case
non sorrir que realza a túa boca mentres continuamos
andando, andando …