Amañece.
O sol, aínda pálido, espreguiza a derradeira néboa,
aroma de noite finxida no desamparo impostor.
E o orballo que cada día cae sobre a consciencia até a arrefriar.
As pisadas da noite, amortecidas polo piar dos paxaros,
ecoan sobre as lousas da cidade
transportando a memoria de conversas nunca ditas,
xamais escoitadas.
Unha rúa escura.
Un beco sen saída.
Un berro que tronza o alborexar do día.
Un queixume que despide a vida.
Un corpo adormecido na rúa sobre o frío fío
do coitelo que esta noite abandonou o sosego da cociña
para absorber o perfume alcoholizante do desespero.
Dous mozos que foxen inconscientes
e un que morre
aterecido.
Portas que se fechan por non quereren saber
e xanelas que se abren para deixaren pasar o ar
traizoeiro da vinganza.
E finalmente o informe policial.
Un mozo morto en circunstancias sen explicar.