Nos derradeiros tempos púxose de moda a inqueritocracia, palabra non incorporada ao dicionario mais que podemos definir como a ciencia que busca a xustificación da aplicación de determinadas medidas sociais partindo da interpretación dos desexos expresados por unha serie limitada de persoas, elixidas con criterios demoscópicos, e ás que se lles fan preguntas cuxas respostas temos prefixadas. Deste xeito os periódicos publican interesantísimos inquéritos grazas aos que sabemos cousas tan fulcrais para o avance do coñecemento como que os galegos -di unha coñecida marca de colchóns- somos os europeos que mellor durmimos; que os maiores de 65 anos fan o amor unha media de catro veces á semana ou que unha de cada tres mulleres non está satisfeita coa súa vida sexual.
Tamén se nos soe informar periodicamente, non vaia ser que nos confundamos, da valoración social dos líderes políticos, empresarios, futbolistas ou artistas do cinema. E, por suposto, sobre a intención de voto.
Unha vez realizados os inquéritos e feitos públicos os resultados sóese pedir a valoración dos propios valorados, fechando así o círculo. Logo actúase en consecuencia dicindo que esa é a opinión da maioría da poboación.
Cando se trata de resultados electorais sempre se di que a mostra evidencia intencións de voto, mais que o verdadeiro inquérito se produce o día das eleccións e que as urnas non admiten interpretacións.
Pois ben, hai menos dun mes, o 30 de novembro, celebráronse no ensino público non universitario, ao que acoden 7 de cada 10 escolares na Galiza, as eleccións sindicais. Produciuse pois o inquérito verdadeiro, o definitivo. Nelas, unha organización sindical, a CIG, revalidou resultados cunha contundencia que fai que duplique en votos á segunda forza sindical e que porcentualmente se sitúe por enriba do 40 %.
Se consideramos que a CIG defende un ensino laico, galego na expresión e nos contidos, gratuíto e democrático, no que non se xerarquice o profesorado en función de criterios que nada teñen a ver coa función docente e no que a Xunta de Galiza teña competencias plenas, ou exclusivas, deberemos concluír que a maior parte do profesorado galego, co seu apoio a este modelo sindical , está demandando que a Consellaría de Educación tome nota e actúe en consecuencia. De outra maneira non se entendería que se lle de valor aos inquéritos, que se acredite na súa fiabilidade cando están a noso favor e non se lle dea aos resultados electorais, o único inquérito que realmente serve.
Mais moito nos tememos que os responsábeis educativos consideren que a forza dos votos é unha sondaxe máis, cunha mostra representativa máis ampla do habitual.
O grave é que, polo menos no que eu coñezo, a Administración Educativa nin sequera valorou publicamente os resultados. Nin inqueritocracia nin democracia.
No fondo, a Consellaría de Educación equipara a opinión do profesorado, dunha inmensa maioría do profesorado, libremente expresada, en apoio dun determinado modelo educativo, con calquera outro inquérito sobre as horas que pasamos durmindo.