Ollo, meu amigo belido, as abeleiras en flor!
E ti tan lonxe… !
Tristura, sen amigas para bailar ao pór do sol!
Todas botaron a andar polo carreiro da tarde,
outras danzas, outras terras, traballar de sol a sol
na procura do pan que agora aquí nos é negado.
Vexo, meu amigo belido, as abeleiras en flor!
E ti tan lonxe… !
Tamén os cervos partiron e a auga de seu avolta flúe,
tan escura que as prímulas esmorecen véndoa pasar.
E ti tan lonxe …!
Volta, amigo, para ollarmos as abeleiras en flor!
Sós, ti e máis eu, que ninguén máis bailar sabe esta danza
que nos proe desde o máis fondo da ausencia,
– ninguén agás a memoria
habitante destas pedras visgosas,
outrora ricas e vizosas.
E ti tan lonxe …!
Amigo, se non voltares, sob a abeleira non haberá mais danzas,
nin máis sombra, nin máis sol.
Só as ferintes carpideiras do vacío alí xacendo
xemerán até o final das nosas horas e aínda máis.
E ti tan lonxe…!