Resultados electorais: comentario de texto ou guía de lectura?

Unha das cousas que máis me amolan na noite electoral son os analistas mediáticos que, cal oráculos do sistema, interpretan a voz das urnas para nola transmitiren nunha monótona tertulia só interrompida pola publicidade.

Pontifican.

Falaron as urnas,  falaron e quixeron dicir o que eles interpretan nos seus comentarios. Sesud@s politólog@s, de barbas brancas, de barbas pretas, ben barbeados  ou imberbes, falan, e nós habemos de conformármonos coa súa interpretación sen ousarmos dubidar.

É a doutrina, a catequese electoral, a desmesura interpretativa a que triunfa.

Mais hai algo que non teñen en consideración,  que as eleccións son como unha novela, como un libro de poesía, como unha peza de teatro, como un filme, como a vida, isto é, que non existe unha interpretación maxistral e única, e que non serve repetir a argumentación de procesos pasados nin pretender que os presentes sirvan para o futuro, porque cada elección é un acto único, irrepetíbel e condicionado por un contexto tamén único e irrepetíbel.

Por iso podemos adoptar dúas formulas de nos aproximarmos á obra para a interpretar, para a coñecer: ou ben facer un documentadísimo e erudito  comentario crítico, co que estamos ofrecendo unha leitura fechada, só para un círculo eleito que coñece as chaves interpretativas,  que previamente lle indicamos para que todo case, ou ben optar por elaborar unha guía de lectura que permita a quen a siga moverse nun contexto marcado,  si,  mais, dentro del, tirar as súas propias interpretacións.

Tamén moitas forzas políticas  ofrecen ese modelo de análise, o modelo “comentario de textos”.

Particularmente prefiro a “guía de lectura” e facer as análises cos pés na terra, na nosa, sen estarmos pendentes de outros territorios aos que nos gostaría parecernos mais que non é posíbel pois as análises hai que as facer sabendo quen somos, onde estamos e a onde queremos ir.

Na política galega hai cada vez máis afeccionados a facer comentario de texto, a analisar a realidade desde a virtualidade argumentativa, como se o País for unha inmensa “liga de debate” onde o que importa é a brillantez do discurso.

Mais tamén houbo quen enfocou a campaña facendo unha extraordinaria “guía de lectura” da realidade deste País, da destrución de emprego, da destrución cultural, etc. e o que que hai que analizar son os resultados derivados desa campaña, non de outras que non se realizaron.

E fronte aos discursos pomposos e proféticos de quen se reclama único intérprete da nosa vontade resta a sinxeleza da guía de lectura que, polo menos, nos ofrece unha posibilidade para entendermos o que acontece ao noso arredor que, por non ser nada sublime, por ser tanxíbel, non precisa de interpretacións míticas.

Se teño que escoller entre as dúas posibilidades de interpretar a realidade, guía de lectura ou comentario de texto, prefiro cen veces a modesta guía de lectura que me permita interpretar o contexto a que o especialista de barbas brancas, ou pretas, barbeado ou imberbe,  ma interprete, aínda que o seu discurso roce a excelencia lingüística.

 

P.S.

Non me pregunten quen son os das barbas brancas, nin os das barbas pretas. Iso déixoo para faceren o comentario, que hipóteses de traballo non han faltar.

Si lles podo dicir cal é a miña guía de lectura para os resultados destas eleccións. Titúlase: O logro positivo e a audacia necesaria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.