A lexislación electoral española establece que desde as cero horas do día anterior á celebración dunhas eleccións non se pode difundir propaganda electoral nin celebrar actos de campaña. Isto é así en virtude da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral. Segundo isto o 19-N (nove anos após o afundimento do Prestige e os seus fíos de plastilina) é un día de “veda electoral” mediante o que se pretende que o electorado “reflexione” sobre as mensaxes e as propostas recibidas durante a campaña e que esa reflexión se faga nun contexto exento de presión externa que poida condicionar o voto.
Á marxe dos debates existentes sobre se debe haber ou non unha xornada de reflexión (cuxa existencia e restricións varían moito duns sistemas para outros e que, certamente, se mostra como un elemento algo anticuado nun tempo en que a tecnoloxía permite chegar a millares de persoas de maneira paralela á lei: quen pode impedir que os cidadáns pidan o voto a través das redes sociais, ou que un xornal que ten o seu sitio web noutro estado publique sondaxes?), o certo é que todos os expertos coinciden en afirmar que esta xornada, aos efectos de definir a intención de voto, non serve absolutamente para nada pois o electorado chega e esta xornada coa decisión perfectamente tomada e co voto totalmente definido, cousa lóxica pois, noutro caso, estaríamos en presenza dunha informe masa de votantes totalmente desideoloxizada e desmemoriada que se guiaría, á hora de exercer o voto, máis por impulsos e por fobias do que por unha idea de contribuír, co seu voto, á transformación social.
Reflexionemos
Mais xa que toca reflexionar, reflexionemos, aínda que sexa por imperativo legal, e acudamos á memoria para que tal reflexión se sustente, pois á fin de contas, este sistema político-electoral o que procura é premiar ou non as opcións políticas en base á credibilidade da súa memoria de xestión. E fagamos esa reflexión non só desde un tempo concreto senón tamén desde un lugar concreto e como cidadáns suxeitos ás resolucións que nos chegan desde varios ámbitos de decisión, quer da política galega, quer da española, da europea ou daquela que se decide non se sabe moi ben onde.
* Reflexionemos sobre as medidas levadas a cabo para loitar contra o desemprego e o incremento das desigualdades sociais nos derradeiros anos e comprobemos que forzas políticas obedecen os ditados dos “mercados” e cales outorgan primacía ás necesidades das persoas.
* Avaliemos que forzas políticas priorizan no seu programa a xeración de emprego digno e estábel, incentivando a capacidade produtiva dos sectores económicos básicos do país, e cales por encima de todo prefiren a deslocación do emprego e o traballo en precario no país.
* Examinemos que forzas abandeiran unha contribución impositiva na que os impostos indirectos ao consumo e ás rendas do traballo, fronte ás do capital, son a base da recadación, resultado diso un sistema cun baixo nivel de presión fiscal sobre determinadas rendas e un reparto pouco equitativo da carga contributiva.
* Xulguemos que forzas desenvolven iniciativas destinadas a aplicar políticas de emprego xuvenil e cales ven na emigración unha saída para a mocidade.
* Meditemos sobre quen propón e leva a cabo políticas de recortes no ámbito social, quen privatiza a sanidade ou o ensino e quen promove actuacións destinadas a avanzar na efectiva igualdade en todos os ámbitos sociais e económicos.
* Consideremos quen opta por transferir as decisións a entidades especulativas que só perseguen manter altas taxas de ganancia a custo do benestar e a calidade de vida das maiorías sociais e quen aposta pola transparencia nas institucións e a democracia como elemento de control da economía.
* Cavilemos sobre quen propugna sermos unha nación con institucións democráticas propias que poidan dirixir e decidir sobre o que nos afecta en todos os eidos, desde o económico e o social ao das liberdades; desde os dereitos públicos e da cidadanía ao modelo de articulación territorial e institucional, e sobre quen propugna transvases de soberanía e cesión de competencias que só poden prexudicar os nosos intereses. Poderíamos seguir poñendo na balanza as propostas daquelas forzas políticas que, cal bonecos que monologan diante dun espello, se presentan a estas eleccións como meras xestoras da periferia dun sistema en crise, no que só cabe administrar a miseria, a desigualdade, o desemprego e, doutra parte, aqueloutras que propugnan alternativas que nos defenden a nós e ao territorio no que nos inserimos e no que se insire a nosa cultura, a nosa lingua, a nosa base produtiva. E se a nosa reflexión foi correcta, se aplicamos a razón á realidade, só obteremos unha conclusión desa análise: na Galiza, nestas eleccións, só cabe un voto que en si reúne o voto útil e o voto transformador da realidade.
Ese é o voto BNG.