Teño cincuenta e cinco anos, ben levados, iso si, e máis de trinta traballando.
E non podo cesar anticipadamente a miña actividade laboral, que eufemismo!!!, como fan os directivos das grandes corporacións que gobernan os “mercados” e marchar para a casa cuns poucos millóns de euros.
A Administración é o meu patrón e o meu salario foi dar desde sempre ao que agora tornou en NCG bank. Tamén a ela lle paguei, nalgunha ocasión, a un 14 % os intereses de empréstitos hipotecarios nos que me houben de subrogar, cando construtoras e bancos facían negocio por igual.
A cambio o novo banco cóbrame por contas e tarxetas, por especular co meu xornal.
E, antes, regalábame un calendario, por Nadal.
Os seus directivos prexubílanse e carrexan para a casa vinte millóns de euros, diñeiro de todos nós.
E no entanto padecemos recortes en sanidade, ensino e outros servizos esenciais.
E, só na Galiza, máis de dous centos mil desempregados en neste setembro que hai pouco rematou.
E medo nas conciencias, que a crise é moita crise, non vaia ser que nos teñan que rescatar.
Privatízase o que é de todos para repartilo entre uns poucos e iso fano “aqués que ten fama de honrados na vila”.
Asusta tanta inmoralidade e tanta hipocrisía. E tanta pasividade de quen, democraticamente, non hai dúbida, nos goberna.
Para eles vai este texto de Celso Emilio:
Monólogo do vello traballador
Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.
Mentras o tomo, espero.