Non sei se cando estas liñas afloren na pantalla do computador o Códice Calixtino terá retornado ao lugar onde estivo nos derradeiros oitocentos anos, desde que foi traído a Santiago por Aymeric Picaud, clérigo de Parthenay-Vieux, que o doou pola redención da súa alma. Ora, se nos guiarmos polo tempo que tardan en seren recuperados, cando o son, outros obxectos roubados nos museos de todo o mundo, é moi probable que hoxe, día 18, o Códice non estea en Santiago.
O patrimonio material da Igrexa Católica en Galiza, do que o Códice forma parte, é inmenso. Bens rústicos e propiedades urbanas acompañan un extraordinario patrimonio artístico esparexido por case 3800 parroquias que acollen igrexas e residencias rurais, urbanas e metropolitanas até converter a Igrexa na maior inmobiliaria do país, na dona exclusiva dun patrimonio poucas veces posto ao servizo da nación que o promoveu e o sufragou, pois só temos que lembrar a este respecto o interese case avaro por recuperar para a xurisdición eclesiástica San Domingos de Bonaval, para desta forma manter baixo chave outros símbolos da Galiza moderna como Rosalía ou Castelao, no contexto dunha Igrexa nunca disposta á dignificación das nosas figuras históricas, dos nosos reis, tamén baixo chave gardados no Panteón Real da mesma catedral onde se atopaba o Liber Sancti Iacobi.
O Códice Calixtino está agora lonxe da Catedral e seguramente seguirá baixo chave nalgún lugar do mundo. Durante estes días puidemos ler as máis variadas opinións sobre a importancia deste libro, habendo mesmo quen lle atribúe a paternidade da “nación española”. “…es el texto de mayor aliento de nuestra historia y el más importante en la configuración de lo que será España“, atrévese a dicir García de Cortázar en entrevista no ABC.
Ler o resto no Terra e Tempo