Rei Pedreira

Desde hai uns anos, cando trasladaron ao Polígono que está para alén do cemiterio a empresa en que traballa, agarda  o autobús na paraxe situada  na Avenida de Rosalía, fronte ao  número oito, a escasos douscentos metros de onde habita, un pequeno apartamento que aínda está a pagar. Chega  alí  ás 7:50 horas, xusto no momento en  que a moradora do quinto andar se asoma á xanela. Algo despois sae co gato á rúa, preso á maneira dun canciño. O gato arrabuña durante uns segundos  o tronco dunha árbore, a única que hai nesta rúa de asfalto e cemento. Logo trepa até as primeiras polas e observa desde ali un grupo de   mulleres que fuman con avidez e falan case en silencio mentres agardan a que abra un taller de costura que está nun baixo pouco arexado.

O gato move, alternativamente, as orellas, como intentando captar algunha das historias que as mulleres contan e, a un sinal,  baixa da árbore, mentres polo fondo da rúa, en dirección ás casas novas da Eira Vella, que soben paseniñamente monte arriba, asoma o varredor.

De volta para dentro crúzase cunha muller. Entre elas só media un miañar mimoso do gato.

A moradora do quinto chega á casa e o gato asoma polo tendedeiro que  dá á rúa devecendo por  atrapar algún dos paxaros que pousan nos cordeis

O autobús está perto. A dous minutos, segundo o indicador luminoso que instalaron hai uns días ao lado da marquesiña.

A moradora do quinto asoma perigosamente á xanela,  ollándoo desde a cima como se lle quixer dicir algo. Tanto tempo baixando o gato á rúa  e nen un saúdo.

O gato teima en  atrapar os paxaros que, alleos á desgraza e seguros de non seren alcanzados, móvense como  funambulistas nas cordas do tendedeiro, a esa hora nu de pezas colgadas.

O autobús vira na curva da Caixa de Aforros e detense no semáforo . Vinte e cinco segundos e estará aquí. Tira do peto a tarxeta-moedeiro

Mentres sobe ao autobús ve como os paxaros saen voando do tendedoiro.

Ao día seguinte, puntualmente  a moradora do quinto asoma á xanela. Pouco despois ábrese a porta da rúa. Sae soa. Sen o gato. Chega até a árbore e acariña coa man as rabuñadelas do gato.

Agarda un pouco e entra no predio.

Soubo, pola compañeira de paraxe, que o gato caira onte á rúa perseguindo os funambulistas do tendedoiro. Un salto mortal. Ao vacío.

A moradora do quinto asoma   pola xanela do tendedoiro que  dá á rúa.  Varios paxaros pousan nos cordeis. Devece por collelos…..

O autobús asoma na curva da Caixa de Aforros. Vinte e cinco segundos e estará aquí. Tira do peto a tarxeta-moedeiro.

Mentres sobe  ve como os paxaros levantan o voo.

Sente unha leve queixa e un golpe seco no teito do autobús,  aínda inmóbel.

Olla ao quinto. Os paxaros pousan novamente nos cordeis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Proudly powered by WordPress | Theme: Lean Blog by Crimson Themes.