Arquivos anuais: 2017

Secesión e autodeterminación

Nota previa: Debeu ser alá por 2006 ou 2007, nun pequeno portal hoxe desaparecido denominado Arroutada noticias, publiquei o texto que vai a seguir. Hoxe encontrei con el e pareceume que, sen mudar ningún nome, ou mudando e colocando no seu lugar bastantes outros que andan por aí, aínda era acaído. Vai sen outra pretensión.

Lin nos xornais que o presidente do Goberno do Estado, o Sr. Rodríguez Zapatero, afirmou nun coloquio que “a democracia imposibilita calquera proceso de secesión. Non existe ningún país democrático que sufrise un proceso deste estilo”.
Ignoro de onde tira esa idea o señor Zapatero e podo aventurar con que intencionalidade o fai, mais é evidente que esquece que ten habido recentemente exemplos de “secesión” pacífica e democrática como a dada entre a República Checa e Eslovaquia. Ou a que se deu hai menos dun ano cando Montenegro declarou a súa independecia (ou se quere o Sr. Zapatero, a súa secesión de Serbia) nun referendo que foi monotorizado por cinco misións internacionais que concluíron que o proceso estivo marcado por unha campaña activa e maioritariamente pacífica e sen restriccións aos dereitos civís e políticos fundamentais. Neste mesmo ano a UE apoia sen disimulo a posíbel independencia de Kosobo.

Na miña opinión, resulta evidente que o Sr. Zapatero fala deste tema con demasiada parcialidade, acudindo a un termo, secesión, con certas connotacións de violencia e máis vinculado con procesos de descolonización, e que, ademais, non é usual no vocabulario político actual do Estado Español, onde é máis habitual falar de autodeterminación.
Mais aceptemos falar de secesión.
Poderá dicirnos que o dereito de secesión, entendido como o dereito das colectividades que integran unha unidade territorial, xurídica e política determinada a abandonar esa comunidade, ese corpo político, non cabe no ordenamento constitucional vixente, mais non nos poderá argumentar que non é un dereito democrático nin asocialo con procesos de violencia inevitablemente; poderá dicirnos que a Constitución Española recoñece as nacionalidades históricas, mais non confire nin a elas nin aos cidadáns que nelas vivimos o dereito de secesión, outorgándonos o dereito á autonomía, entendida tal e como precisou o Tribunal Constitucional, xa no ano 1981 na sentenza STC4/81, cando afirma que a autonomía non é soberanía, engadindo ademais que o principio de autonomía nunca poderá oporse ao de unidade.
Poderá mesmo dicir que a tendencia na Europa occidental é máis para a unión que para a secesión, mais non poderá dicir que é a democracia o que imposibilita a secesión ou a independencia.

En calquera caso, se a preocupación do SR. Zapatero é meramente democrática, hai outra reivindicación máis habitual no Estado Español, que si ten cabida na Constitución, que é o dereito de autodeterminación.
Eu non son xurista nin experto constitucional, mais teño entendido que os tratados internacionais subscritos por un Estado forman parte do ordenamento xurídico del e de aí que en virtude da referencia do artigo 10.2 da Constitución vixente aos tratados e acordos subscritos por España, o dereito de autodeterminación figure no noso ordenamento xurídico. Figura no Pacto Internacional sobre Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e figura no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ratificado por España en 1977, asinado polo Xefe do Estado sendo ministro de Exteriores Marcelino Oreja. No artigo 1 deste tratado dise que “todos os pobos teñen dereito de libre determinación.” E os estados que forman parte deste pacto deben promover “o exercicio do dereito de libre determinación e respectarán este dereito de conformidade coas disposicións da Carta das Nacións Unidas”.

Se isto é así, e se non é aceptamos gustosos que se nos corrixa, as autoridades do Estado farían ben en promover, respectar e garantir este dereito para todas as persoas, cidadáns e cidadás con dereitos e deberes, que sintan simpatía por estes dereitos recoñecidos no ordenamento xurídico, en vez de acudir a palabras pouco usadas en política e con reminiscencias a filmes ambientados na Guerra de Secesión americana.
E ademais resulta perverso que o fagan en nome da democracia.

 

PS.

Hai avogados e xuristas de moitísimo prestixio (que seguramente teñan estudado até a derradeira vírgula das leis españolas) que repeten e repeten que o que pasou  en Cataluña está fóra da legalidade.
Non sei se tamén terán visto as ducias de casos de independencia que se produciron no mundo até onte.
Porque é evidente que a independencia dunha parte dun estado nunca (ou case nunca pois non sei se hai algún caso) se planifica na constitución dese estado e é tamén evidente que todas as independencias romperon a legalidade previa para crear outra.
É xenial que en base a esta evidencia -entender que para chegar á independencia hai que romper a legalidade previa- xirase todo o discurso mediático.

Cando botamos a andar e pasamos o deserto

 

Daquela …
Cando botamos a andar e pasamos o deserto,
e despois o mar,
acordamos reunirnos na fonte.
Non na que verte lembranzas punxentes e feridoras,
que rachan a alma,
que devoran.
Nesa non.
Na outra.
No manancial onde outrora os cervos ían beber
mentres as mozas enxugaban os cabelos
coas labaredas do entardecer.

Despois…
Fomos só sombras envoltas en flanela azul,
prófugas da propia biografía.
Naquela fronteira choveron palabras aguilloadas
nunha enxurrada persistente alén da memoria.

Agora …
A vida, un colar de feridas colgado ao pescozo.
As horas, atrapadas na fragrancia dos minutos.
Eses ollos que esculcan a xeada.
O tempo que se estira e se distende.

Na estación de Vilagarcía

Estación. Un tren parado.
O viaxante ocupa o tempo examinando as hedras,
e os couselos que galgan o valado
ancorado ao camiño, infindábel,
estrado de segredos e cantigas.
Unha sombra pasa en bicicleta
cun chapeu de prata na cabeza,
e a lúa, esbranquizada polo día que desce do alto Ulla,
le os riscos de fume que as chaminés debuxan nas bateas,
estáticas gamelas a tabular a ría.
O vagón comeza a marcha.
Entre as viñas, a intervalos, pacen as ovellas
sobre un fondo de flores amarelas.
Atrás fica Vilagarcía.

Se eu puder elexer o meu oficio

Se eu puder elexer o meu oficio
para con el gañar a vida, como se di,  honradamente,
gostaría ser destilador de palabras.

Das que pronuncias a diario, cando te desapegas
do sono que aínda envolve o mundo,
e das que soñas e resgardas no máis íntimo,
ocultas detrás de toda a nudez.

Meteríaas de unha en unha no alambique
para as desfacer, a lume lento, até transpiraren
de vez a resina vaporosa de cada significado.

Ou faría combinados, palabras simples
que derivarían en ordenadísimos compostos
de sabor a vida e a pan de trigo.

Se cadra así, simples alambiqueiro,
podía un día chegar a descifrar os obscuros
vocábulos que, ao comezo de todo, arrumaron o caos
en estáticas estantes de silencio.

(De A palabra do día)

Intermitentemente

Suportas,
cercidas sobre a pel,
cicatrices de amizade inveterada,
arraigada intermitentemente na insistencia
do espazo que te abraza.

Acorda.
Considera a casa desladrillada,
reincidencia teimosa, obstinada,
que revalida o almofadado sofá, a porta, as xanelas
por onde o rumor avanza.

Complicadamente
encurvada xace a estancia atrapallada,
áurea ratoeira apouquentada
na que se esvai a tarde
e cala.

Espontaneidade cega de promesa afiada.

Esperta.
Agora non chove.

Rosalía, mitificar para que non moleste

Hai algún tempo, penso que 1980, o cinema contounos unha historia ambientada no Kalahari e titulada Os deuses debe estar loucos, ou tolos, ou malucos, como queiramos.

Todas e todos lembramos.
Algo parecido está a pasar con Rosalía e o avión noruegués.

Ninguén vai ver a cauda do avión a 10.000, ou os que sexan, metros de altura. Desde as terminais dos aeroportos nada se ve para fóra, nen o avión nen a cauda. A megafonía, se a hai, nada di.

Mais celebramos. Agora Rosalía xa é UNIVERSAL. Porque vai polo ar e volta polo vento.
Celebramos ter un AEROPUERTO Rosalía de Castro.

Agasallámonos co centenario dunha estatua.

Poñemos cancelos ás agras.

Mais non vin en ningures que aumentase a leitura e o coñecemento de Cantares ou Follas Novas. E aínda máis. Disque en máis do 70% dos fogares galegos non existe ningún libro, ningunha obra, de Rosalía.

Non sei se é verdade. Pero seguimos engordando o mito, porque o mito non molesta.

E os deuses …, si, deben estar tolos.

Eclodir

I

Invisibilidade.

II

Un sorriso emanante de ollos apagados,
negrume impreciso que brota do desengano
meticuloso e sutil.

III

Quebrar o estoxo.
Emerxer da franqueza que reveste o medo.
Suavemente,
traspor a liña entre ser e aínda non ser
para respirar o silencio do romper do día.

IV

Abrazos.
Instantes de sosego.
Camiño feito de lembranzas
que aínda están por aparecer
Rebentos de vida a despuntar nas lindes da mañá.

V

Descobrir.
Suspeitar
Imaxinar.

VI

Eclodir.

 

(De, A Palabra do día)